Martes, Abril 29, 2014
Comeza a formación para 150 persoas a través dun curso de prevención de riscos laborais en liña
- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde laboral (ISSGA) comeza hoxe a segunda das tres edicións do curso básico de prevención de riscos laborais en liña.
- A través desta iniciativa, búscase formar a 450 persoas en total ao longo do ano.
- Ademais da oferta formativa en liña, o ISSGA tamén organiza actividades de formación presencial nas catro provincias, así como xornadas técnicas.
Santiago, 29 de abril de 2014.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) formará a partir de hoxe a 150 persoas a través do curso básico de prevención de riscos laborais en liña. Estes cursos en liña impártense en colaboración coa Escola galega de administración pública (EGAP).
Na primeira edición, que rematou a pasada semana, xa se formaron 150 persoas e queda pendente outra para finais de ano, co que se formarán a 450 persoas en total a través desta modalidade.
Estes cursos teñen unha duración aproximada de dous meses e finalizarán cun exame presencial en cada un dos centros do ISSGA ou na EGAP. Os seus obxectivos son proporcionar o nivel e capacitación necesario para desenvolver funcións de xestión da prevención (establecida no artigo 35 do regulamento dos servizos de prevención); e facilitar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo.
A formación en liña, que facilita o acceso á formación das persoas con dificultades para acudir ás aulas por diversos motivos, compleméntase cos cursos presenciais e as distintas xornadas.
Para este ano 2014 está prevista a realización de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais e 22 xornadas técnicas que terán lugar nos catro centros provinciais do ISSGA.
Oferta formativa do ISSGA
A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo.
Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.
A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.
Neste liña, a oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011–2014.