Mércores, Xuño 17, 2026
Colaboramos no curso de investigación de casos de enfermidades profesionais no marco da Escola Permanente da Inspección de Traballo e Seguridade Social cun procedemento harmonizado de código de causas
Santiago, 17 de xuño de 2026
Hoxe participamos nunha formación virtual organizada pola ITSS a través da súa escola de formación permanente sobre investigación de enfermidades profesionais(EP) e elaboración de informes.
As relatoras foron Nieves Lorenzo Espeso, xefa da área Técnica de Medicina do Traballo, Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do centro territorial do Issga na Coruña e Eva Fernández Pardo xefa da Unidade de de Seguridade e Saúde Laboral da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de A Coruña.
Este curso está orientado a formar aos novos/as inspectores/as de traballo no procedemento de investigación de EP con código de causas harmonizado e na elaboración dos informes.
O Issga ven colaborando coa ITSS na Campaña de investigación de EP con este procedemento desde o inicio. O centro Issga de A Coruña foi un dos 5 centros a nivel nacional que participaron no proxecto piloto para avaliar este procedemento entre os anos 2018-2019.
Na actualidade a área de Medicina do Traballo, Ergonomía e Psicosociologia Aplicada do Issga, xunto coa colaboración da área de Hixiene, ten investigados preto de 100 casos de enfermidade profesional de forma conxunta coa ITSS con este procedemento nas súas 4 provincias e elaborou os seus informes correspondentes.
O obxectivo e desenvolver un estudo epidemiolóxico a nivel nacional logo da explotación dos datos das conclusións das investigacións para xerar coñecemento e previr a súa aparición.
Estas accións están en liña coa Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027 e coa Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo: Horizonte 2027, que recollen entre os seus obxectivos o reforzo da prevención das enfermidades profesionais, a mellora da súa detección e investigación, así como a xeración de coñecemento que permita anticipar riscos e impulsar contornas de traballo máis seguras e saudables.