Luns, Decembro 05, 2011
Colaboración do ISSGA nun Programa de Cooperación Internacional do Ministerio de Traballo e Inmigración no Salvador
O técnico do ISSGA de Pontevedra, José Antonio González Lago, participou no proxecto “Asistencia técnica sobre auditorías de programas de prevención de riscos laborais” que tivo lugar no Salvador e que se enmarca dentro dos Programas de Cooperación Internacional que xestiona o Ministerio de Traballo e Inmigración do Goberno de España con outros países, fundamentalmente en América Latina, consistente na realización de accións de asesoramento e formación a institucións e cuxo obxectivo é impulsar a modernización e fortalecemento das súas administracións laborais.
O proxecto desenvolveuse durante os meses de outubro e novembro na República do Salvador a solicitude da Dirección Xeral de Previsión Social do Ministerio de Traballo e Previsión Social deste país e estivo dirixido aos funcionarios dese ministerio con responsabilidades en materia de inspección.
Recentemente publicouse no Salvador a nova Lei Xeral de Prevención de Riscos nos Lugares de Traballo, que establece requisitos de seguridade e saúde ocupacional que deben aplicarse nos lugares de traballo, a fin de establecer o marco básico de garantías e responsabilidades que garanta un adecuado nivel de protección dos traballadores e traballadoras.
Esta lei supón unha novo enfoque que modifica profundamente a forma de facer prevención, as responsabilidades, o traballo das institucións, a necesidade dunha maior profesionalización de técnicos e inspectores, novos protocolos de actuación, definición de novos criterios, actividades de coordinación, etc., polo que resulta fundamental o desenvolvemento da lei canto antes para transmitir confianza a todos os actores implicados e que permita conseguir un avance importante na prevención de riscos no traballo neste país, que lles permita evolucionar cara a enfoques actualizados xa establecidos en países mais avanzados industrialmente.
A colaboración do ISSGA co Ministerio de Traballo e Inmigración concretouse neste proxecto na contribución do seu técnico, José Antonio González Lago, que xa ten participado como experto de cooperación técnica española en numerosas ocasións, na realización de funcións de asesoramento sobre modos de actuación en materia de inspección de seguridade e saúde no traballo e sobre formulación de medidas preventivas e correctivas; ademais reforzou a captación en materia de inspección en seguridade e saúde no traballo elevando os estándares de actuación de todo o persoal con devanditas responsabilidades.
Deste xeito cumpríronse os obxectivos de mellorar a calidade das inspeccións, capacitar aos técnicos e inspectores de traballo e contribuír á mellora da produtividade e saúde ocupacional dos sectores produtivos do país.