Novas

Venres, Abril 24, 2026

Celebramos a segunda edición do curso de formación interna “Aplicacións da intelixencia artificial no ámbito da prevención de riscos laborais”

imaxe curso IA

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026

Hoxe remata a segunda edición do curso de formación interna “Aplicacións da intelixencia artificial no ámbito da prevención de riscos laborais”, unha acción formativa dirixida ao persoal técnico do ISSGA e integrada tanto na oferta formativa interna do Instituto como na programación da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Esta actividade responde ao compromiso do ISSGA coa actualización permanente das competencias do seu persoal técnico e coa incorporación de novas ferramentas dixitais que contribúan a mellorar a seguridade e saúde laboral nas organizacións.

O curso ten como finalidade achegar ás persoas participantes os principais avances tecnolóxicos vinculados coa intelixencia artificial e mostrar o seu potencial aplicado á prevención de riscos laborais.  Entre os contidos tratados inclúense o coñecemento dun catálogo de ferramentas de intelixencia artificial aplicables á xestión técnica e comunicativa, a regulación normativa da IA desde unha perspectiva ética e legal, a súa aplicación práctica en avaliacións de riscos e planificación preventiva, así como diversos casos reais e exemplos de uso.

Nesta segunda edición participa un novo grupo de técnicos e técnicas do Instituto, completando así o proceso de capacitación interna iniciado coa primeira convocatoria. O obxectivo é continuar avanzando na modernización dos recursos técnicos do organismo e no aproveitamento das oportunidades que ofrece a intelixencia artificial no ámbito da prevención.

Con esta iniciativa, o ISSGA reforza a súa aposta pola innovación, a formación continua e a mellora dos servizos públicos en materia de seguridade e saúde laboral en Galicia.