Novas

Sábado, Setembro 25, 2010

Celebración da xornada técnica de prevención de riscos laborais nos sectores agropecuario e forestal no centro do Issga de Lugo

Celebración da xornada técnica de prevención de riscos laborais nos sectores agropecuario e forestal no centro do Issga de Lugo

Os accidentes laborais no sector agrario descenderon de forma máis significativa na provincia de Lugo que no resto de Galicia durante o primeiro semestre de 2010, cunha diminución na provincia do 10.6%, mentres a reducción do conxunto de Galicia foi do 3.7%. En total, en Galicia producironse nos seis primeiros meses do ano 688 accidentes no sector agropecuario, fronte aos 715 do mesmo periodo de 2009. Deles, 185 sucederon na provincia lucense, fronte aos 207 do primeiro semestre do ano pasado.

Ese datos foron dados a coñecer no trascurso da rolda de prensa ofrecida pola directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, ISSGA, Adela Quinzá-Torroja Garcia ISSGA, con motivo da Xornada de Prevención de riscos laborais nos sectores agropecuario e forestal, celebrada hoxe en Lugo. No marco da xornada, a ponencia “Situación do sector agrario e forestal galego na prevención de riscos laborais”, presentada pola xefa do centro ISSGA en Lugo, Nieves Novo Lodeiro, fixo un repaso exhaustivo da evolución da sinistralidade e da tipoloxía de accidentes máis frecuentes, que no sector agrícola está relacionada con atrapamentos en eixes ou tomas de forza, atrapamentos polo envorcamento do tractor ou outras máquinas e golpes derivados do manexo de animais corpulentos. Os accidentes máis frecuentes no sector forestal están producidos, nos labores silvícolas, polas tarefas de apeo, desramado, tronzado, podas, etc. as operacións de prevención e extinción de incendios forestais e os desprazamentos, que son fonte de numerosos accidentes.

Considerando os sinistros por sexos, dos 185 ocurridos na provincia no primeiro semestre 125 afectaron a homes e 60 a mulleres.

Análise da saúde dos traballadores do sector agrario

No tracurso da xornada tamén se presentaron os resultados da Enquisa realizada en 2009 polo ISSGA, como órgano técnico en prevención de riscos laborais en Galicia, para dispor dunha análise da saúde laboral dos traballa dores adicados á actividade agrogandeira na provincia de Lugo, na que actualmente hai 16.437 afiliados. Os recoñecementos médicos efectuados durante o desenvolvemento da enquisa ofrecen uns resultados, expostos na xornada por Paz Eyré Vázquez, xefa do Equipo Técnico de Medicina Laboral do centro ISSGA de Lugo, que poñen de manifesto que as alteracións de saúde máis frecuentes son as osteomusculares -39,58%-, seguidas das auditivas -23,05- e das respiratorias -9,05%-. A proba da brucelose resultou negativa no 100% dos casos e un 66% dos enquisados recibíu a vacinación antitetánica.
En canto a produtos químicos cos que están en contacto, os pensos representan o 81,3%, os produtos de limpeza o 78%, os insecticidas o 67%, e os herbicidas e fertilizantes que rondan o 59%. Sobre o uso de equipos de protección individual, o 86% usa roupa de traballo, o 73% luvas, o 68% viseira, o 27% máscara de po, e o 15% usa máscaras de filtros e lentes.

Na xornada abordaronse outros aspectos, como a Formación e aptitude no uso da maquinaria nos sectores agropecuarios e forestal, cunha ponencia de José Manuel Pereira González, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo da USC, e a Análise dos riscos derivados da aplicación de fitosanitarios, cunha ponencia de María Arias López, xefa de Sección de Hixiene de Campo e Analítica do Centro ISSGA de Lugo.

As sesións completaronse cunha mesa redonda, na que interviron Nieves Novo, xefa do centro ISSGA de Lugo; Cesar Iglesias Vázquez, xefe de Servizo de Formación Agroforestal da Consellería de Medio Rural; José Rodríguez Blanco, secretario de Organización de Unións Agrarias-UPA; Juan Pérez Sánchez Orozco, secretario xeral técnico de Xóvenes Agricultore, e Mónica Amado Branco, responsable de prevención de riscos laborais no Sindicato Labrego Galego.

A Xornada de Prevención de riscos laborais nos sectores agropecuario e forestal foi clausurada por Adela Quinzá-Torroja García, directora do ISSGA.