Xoves, Abril 15, 2010
A campaña “Movemento contra a Lei de Murphy” difundirá a prevención de riscos laborais entre os case 35.000 estudantes de formación profesional
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) vén de lanzar a campaña “movemento contra a Lei de Murphy” que ten como fin concienciar na prevención de riscos laborais aos preto de 35.000 estudantes de Formación Profesional en Galicia.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou en Santiago esta iniciativa no CIFP Politécnico de Santiago, que se realiza en colaboración coa Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Na súa intervención, Quinzá-Torroja sinalou que o alumnado de Formación Profesional “é un sector clave”, en tanto se incorporará nun curto prazo de tempo ao mercado laboral, aínda que insistiu en que esta mensaxe “é extensible ao resto da sociedade. Porque a prevención de riscos debe ser cousa de todos”.
Esta campaña, que comeza esta semana baixo o lema “Derrogada a Lei de Murphy. Se algo pode saír ben, sairá ben”, trata de concienciar directamente á xente máis nova, para que nun futuro “a procura da seguridade no traballo sexa algo que teñan interiorizado”.
Para conseguilo, a campaña “fala o mesmo idioma que a mocidade”. Así, unha das principais novidades desta campaña é que sete centros educativos galegos contarán cunha representación actoral da personaxe de “Murphy” que relatará, a través dun monólogo, as súas queixas pola derrota sufrida fronte aos estudantes, que lle gañaron a batalla grazas á prevención. En concreto, esta actividade terá lugar en sete centros de A Coruña, Vigo, Fene, Ourense, Santiago Ribadeo e Pontevedra.
Ademais, na web da campaña –que xa está operativa- poderase acceder a material informativo e a un xogo en liña contra Murphy, no que se pode escoller entre cinco familias de estudos de FP para loita cada unha ao seu xeito contra os riscos laborais. Ademais, os participantes poderán deixar o seu nome e o do seu centro de estudos na lista de gañadores.
Ao mesmo tempo, a iniciativa realizará outras accións directas como a colocación de carteis e expositores, ou reparto de trípticos informativos, ademais doutras actuacións nos medios de comunicación e outras intervencións máis específicas nas redes sociais.
En definitiva, trátase de trasladar aos profesionais do futuro a “oposición frontal” á Lei de Murphy que di que todo o que pode saír mal, sairá mal. O obxectivo é, polo tanto, que os rapaces e rapazas aprendan que se hai algo que represente perigo no lugar de traballo, pódese evitar grazas á prevención.