Novas

Mércores, Xullo 24, 2024

Campaña de concienciación fronte ás altas temperaturas nas contornas laborais

  • A campaña, que forma parte da programación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), pon o foco na necesidade de descanso, a climatización, a boa alimentación e a hidratación nos lugares de traballo

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024. Esta campaña ten como obxectivo sensibilizar fronte aos riscos relacionados coas altas temperaturas e coa radiación solar nas contornas laborais. Esta iniciativa pon o foco na necesidade de descanso, a climatización, a boa alimentación, a hidratación nos lugares de traballo e cambios nos horarios laborais cando for preciso. Ademais, trátase de informar e concienciar dos perigos da realización de tarefas a altas temperaturas durante a xornada laboral para mellorar o benestar e a seguridade das persoas traballadoras.

A campaña achega de xeito comprensible as medidas de prevención orientadas a reducir a exposición a estes axentes de risco das traballadoras e traballadores.

Esta actividade enmárcase dentro do plan de actuación do ISSGA do ano 2024 na súa aposta pola promoción da prevención de riscos laborais. O ISSGA desenvolve desde a súa creación diferentes actuacións dirixidas á mellora das condicións de traballo nas empresas como é o caso da sensibilización fronte á exposición á radiación solar e ás altas temperaturas nos espazos de traballo.

Ligazón á campaña: https://issga.xunta.gal/gl/campanas/traballo-e-calor