Xoves, Maio 27, 2021
As axudas da Xunta para o fomento da conciliación contemplan 1,6M€ para impulsar o teletraballo e a flexibilidade horaria
- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe por videoconferencia en Santiago de Compostela na presentación do webinario ‘O traballo a distancia como elemento para a conciliación e a corresponsabilidade’ organizado polo Issga
- As axudas para implantar en Galicia a igualdade laboral, a conciliación e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) poden solicitarse ata o 10 de xuño
- Estes apoios, con tres liñas diferentes, contan cun orzamento de 2,6 millóns de euros, un 30,6% máis que o pasado exercicio
- Lorenzana fixo fincapé na campaña do Issga para previr os riscos laborais do teletraballo e puxo en valor o I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe os beneficios do teletraballo para fomentar a conciliación laboral e familiar e expuxo as medidas de prevención que son necesarias adoptar para previr os riscos laborais desta modalidade de traballo.
No webinario O traballo a distancia como elemento para a conciliación e a corresponsabilidade, organizado polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) e no que participou a través de videoconferencia en Santiago de Compostela, a conselleira explicou, en primeiro lugar, as axudas que ten activas a Xunta (poden solicitarse ata o 10 de xuño) para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) en Galicia, un paquete de apoios que reforzou este ano incrementando o seu orzamento nun 30,6% ata chegar aos 2,6 millóns de euros.
En palabras de Lorenzana, con estas axudas facilítase a contratación de asesores especializados na implementación de plans de igualdade nas empresas, a promoción da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e o fomento da conciliación.
A conselleira centrouse na liña para impulsar a conciliación, que conta cun investimento de 1,6 millóns de euros para a adquisición de equipamentos tecnolóxicos con axudas de ata 20.000 euros por empresa; o impulso da flexibilidade horaria, con achegas de ata 10.000 euros por compañía; e a implementación do teletraballo con apoios de ata 2.000 euros por traballador e de 8.000 euros por empresa.
Con respecto ao teletraballo, Lorenzana apuntou que o Issga desenvolveu e publicou no mes de febreiro unha campaña específica sobre boas prácticas preventivas que se abordaron no webinario. A guía inclúe unha serie de recomendacións para evitar os riscos do teletraballo como son o sendentarismo, o illamento ou a fatiga visual. Tamén contén pautas para mellorar a postura corporal e o benestar psicolóxico.
“É importante promover no teletraballo os mesmos principios de prevención e de igualdade polos que se rexe o traballo presencial co fin de fomentar unha mellor conciliación e maior corresponsabilidade nesta modalidade”, apuntou.
Así mesmo, para promover a conciliación laboral e familiar, Lorenzana fixo fincapé, por último, no primeiro Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021 a través do que a Xunta está a traballar na promoción da igualdade e na xestión dos traballos e dos tempos mediante accións dirixidas á racionalización horaria e ao reforzo dos recursos que facilitan a conciliación corresponsable.