Venres, Febreiro 27, 2026
Avanzando na prevención no sector da construción
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2026
Celebrouse na sede do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), unha reunión da Comisión Técnica de Seguimento da Seguridade e Saúde Laboral no sector da construción, prevista na cláusula terceira do Convenio de colaboración do 9 de xullo de 2025 entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o ISSGA e a Fundación Laboral da Construción de Galicia para o desenvolvemento do proxecto BENSEGURO.
Durante o encontro, o ISSGA presentou os datos de sinistralidade laboral do sector da construción correspondentes ao ano 2025, que permitiron analizar a evolución da accidentalidade e identificar ámbitos prioritarios de actuación.
Pola súa parte, a Fundación Laboral da Construción de Galicia expuxo as actuacións desenvolvidas ao longo de 2025 no marco do proxecto BENSEGURO, iniciativa orientada a impulsar a mellora das condicións de seguridade e saúde no sector.
Na reunión tamén se abordou a colaboración técnica solicitada ao ISSGA durante o pasado ano, así como as necesidades e liñas de traballo previstas para 2026, reforzando o compromiso das entidades participantes coa prevención de riscos laborais na construción.
Este tipo de encontros permiten avaliar o traballo realizado, compartir información e fortalecer a coordinación institucional, co obxectivo de seguir avanzando na mellora da seguridade e saúde laboral nun sector estratéxico como é o da construción.