Novas

Venres, Outubro 09, 2026

Avances na Axenda nacional para a prevención do cáncer de orixe profesional

imaxe da guía do cáncer profesional

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2026

O Issga segue a participar nos avances da Axenda nacional para a prevención do cáncer de orixe profesional, de conformidade co previsto na Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027 (EESST 2023-2027) na que se  recolleu o compromiso de desenvolver a dita Axenda nacional en colaboración entre as administracións e os axentes sociais.
Para poder levala a cabo creáronse 5 grupos de traballo na fase científico-técnica, e froito dese traballo, no que participou o Issga, elaborouse un documento global que foi sometido a valoración polo grupo de traballo correspondente da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST) e finalmente aprobouse un documento definitivo no Pleno en xaneiro de 2025.

Posteriormente, e segundo a proposta de cada un dos grupos, elixíronse 47 medidas que se estimaron como prioritarias e máis viables para incorporar no plan de acción da EESST 2023-2027. Na actualidade estanse a levar a cabo actuacións relacionadas con esas 47 medidas que se poden agrupar nas seguintes temáticas:
   • Actuación inspectora, control normativo e investigación.
   • Ferramentas técnicas e guías para a prevención.
   • Avaliación de riscos e vixilancia da saúde.
   • Sistemas de comunicación, notificación e rexistro.
   • Formación e sensibilización.
   • Estudos, investigación e actualización normativa.

Dende o Issga estamos a desenvolver diferentes actuacións relacionadas con estas medidas para a prevención do cancro de orixe laboral como son:
   • Programas de comprobación de traballos con amianto e actuacións en actividades con exposición a sílice cristalina respirable, a po de madeiras duras e traballos con exposición a radiación solar por parte do persoal habilitado para a realización de funcións de control e seguimento. 
   • Documentación técnica e divulgativa para campañas de información e sensibilización, dirixida: aos produtos químicos perigosos, aos axentes reprotóxicos, á exposición a combustibles subministrados nas estacións de servizo e ao amianto (exposicións pasivas, cando retirar os materiais con amianto e identificación e xestión dos materiais con amianto instalados nas empresas).
   • Campañas de alerta en PRL utilizando documentación elaborada polo Issga: sílice cristalina respirable en talleres e obras, o radon no ámbito laboral, exposición a emisións de motores diésel e aceites usados en talleres de reparación de vehículos.
   • Participación en diferentes xornadas técnicas e actividades formativas centradas no radon no ámbito laboral, na xestión do amianto nas empresas e no cáncer de orixe laboral.
   • Investigación de enfermidades profesionais por axentes canceríxenos cun procedemento harmonizado, así como sospeitas de enfermidade profesional.
   • Participación no proxecto de investigación dun estudo observacional, prospectivo e multicéntrico orientado a mellorar a detección e comunicación dos casos de cancro de seos paranasais potencialmente relacionados con exposicións laborais. Esta Rede centinela de médicos especialistas en oncoloxía e medicina do traballo permitiu crear a un circuíto de valoración de casos de tumores ORL de posible orixe laboral (cancro de seos paranasais), estimar a súa infranotificación e identificar os factores de exposición laboral frecuentes e colaboración na difusión dos seus resultados.
   • Colaboración na elaboración do "Protocolo de vixilancia sanitaria específica para as persoas traballadoras expostas ao radon", recentemente publicado polo Ministerio de sanidade.


Nesta ligazón á páxina web do INSST pode descargar a axenda aprobada polo Pleno da CNSST: 
https://www.insst.es/documents/d/portal-insst/agenda-nacional-para-la-prevencion-del-cancer-de-origen-profesional-2026