Novas

Sábado, Novembro 22, 2025

Asistimos a VI Xornada Galega de Actualización en Enfermería do Traballo “Coidando profesionais, unindo persoas”

imaxe xornada enfermería

Vigo, 22 de novembro de 2025

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) participou hoxe na VI Xornada Galega de Actualización en Enfermería do Traballo, organizada pola Asociación de Especialistas en Enfermería do Traballo de Galicia (AETGA) baixo o lema “Coidando profesionais, unindo persoas”. A subdirectora xeral Técnica e de Planificación, Encarna Sousa Rodríguez, presentou a Axenda Nacional do Cancro Laboral, un documento estratéxico que marca as liñas de actuación para mellorar a prevención, o diagnóstico precoz e o coñecemento científico sobre o cancro de orixe laboral.

Ao longo do evento abordáronse cuestións clave como o cancro laboral, os novos protocolos de vixilancia da saúde, a detección precoz de enfermidades respiratorias, a xestión do sono ou o benestar corporativo. Tamén participaron entidades como a SGPRL, APROSAL e SOGAMETRA, poñendo en valor o papel das distintas profesións vinculadas á prevención de riscos laborais.

O ISSGA destacou ademais o traballo que está a desenvolver dentro da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, especialmente no ámbito da saúde laboral, a prevención de patoloxías non traumáticas, a mellora da cultura preventiva e a loita contra os riscos químicos. Entre as actuacións en marcha salientan o novo mapa galego de risco químico e campañas específicas para reducir a exposición á sílice cristalina, aos fumes de motores diésel e aos aceites usados.

A colaboración entre o ISSGA e AETGA, que inclúe apoio técnico e económico nas súas xornadas, reforza unha alianza clave para impulsar a formación, a investigación e a mellora continua na prevención de riscos laborais en Galicia.

A xornada consolídase como un espazo de referencia para a actualización profesional e evidencia o compromiso da Xunta de Galicia e do ISSGA coa protección da saúde e seguridade das persoas traballadoras galegas.