Novas

Mércores, Novembro 18, 2026

Asistimos ao curso sobre avaliación da exposición a axentes químicos impartido polo INSST ao persoal dos órganos técnicos das CCAA e impulsado dende a Rede Interterritorial de SST (RISST)

imaxe do curso

Bizkaia, 18 de novembro de 2026

Este curso, ao que asistiu persoal técnico do Issga da especialidade de hixiene industrial, xurdiu no marco de cooperación entre o INSST e os órganos técnicos das CCAA co fin afondar nos coñecementos necesarios para levar adiante con éxito a avaliación do risco químico nos lugares de traballo, avaliación que require coñecementos técnicos especializados.
O curso desenvolveuse na súa primeira sesión en formato presencial no Centro Nacional de Verificación de Maquinaria (CNVM), situado en Bizkaia, cunha parte práctica que comprendeu a manipulación de equipos de toma de mostra, bombas de mostraxe e equipos de calibración necesarios para efectuar as medicións de axentes químicos. 
Continúa desenvolvéndose en liña de maneira síncrona abordando todos aqueles aspectos que teñen que ver coa avaliación da exposición a estes contaminantes, tanto por vía inhalatoria como por vía dérmica, tendo en conta as metodoloxías existentes, a estratexia para efectuar as medicións e comparar cos valores límite así como as ferramentas de apoio existentes.
A formación especializada do noso persoal técnico é fundamental para poder exercer o noso labor de asesoramento e responder ás demandas das empresas e dos servizos de prevención nun risco que está presente en sectores de actividade moi diversos e numerosos e que constitúe unha prioridade importante nas nosas liñas de actuación.