Martes, Abril 30, 2019
Analizamos o risco químico en salóns de peiteado e outros tratamentos de beleza en Lugo
Lugo, 30 de abril de 2019. Hoxe o centro Issga de Lugo acolleu a derradeira das actividades organizadas polo Instituto con motivo do día mundial da seguridade e a saúde no traballo.
É incuestionable a repercusión da química na nosa sociedade actual, pola súa valiosa contribución ao progreso e benestar en todas as facetas da vida diaria. A nivel internacional existen máis de 100 millóns de substancias químicas rexistradas, que se combinan para formar millóns de produtos ou mesturas comerciais diferentes.
Temos que ser conscientes de que certos produtos químicos poden levar un risco potencial para a seguridade e saúde das persoas que os manipulan e/ou están expostas a eles.
É obrigación do empresario determinar a existencia do devandito risco químico en cada posto de traballo co obxectivo de eliminalo ou reducilo ao mínimo posible. Para iso, é indispensable identificar os produtos químicos presentes e coñecer as súas características de perigo.
A gran variedade de tarefas e procesos que poden realizarse nos salóns de peiteado e outros tratamentos de beleza fai que poida existir risco de exposición a diversos produtos químicos, xa que poden estar potencialmente presentes durante os procesos de: lavado, acondicionamento e peiteado, cambios de coloración, rizados e alisamentos, afeitado, manicura, etc, sendo necesario telo en conta para poder determinar o risco químico neste sector.
Ademais, nos salóns de peiteado é frecuente que os locais estean a alta temperatura e humidade, con ventilación deficiente, sen sistemas de extracción de aire e que os produtos se apliquen sen luvas, que as que se usen non sexan axeitadas, ou que se reutilicen luvas de usar e tirar o que fai máis máis doada a penetración de substancias químicas no noso corpo.
Resulta polo tanto obrigado que polo Issga se preste especial atención a este sector, e así o está a facer dentro dos seus programas 5.10 adicado a “Servizos” cunha “Campaña sobre a prevención do risco químico en salóns de peiteado” e do 5.27 adicado a “Sectores e actividades económicas feminizadas ou con alta presenza de mulleres”, cun programa de prevención do risco químico e TME en salóns de peiteado, coas seguintes actuacións:
a. Difundir no sector a publicación “Os Coñece do ISSGA_Risco químico en salóns de peiteado”.
b. Fomentar as prácticas de traballo seguras, especialmente no relativo á identificación e prevención do risco químico e de TME.
c. Nesta campaña buscarase a colaboración das asociacións e entidades representativas do sector.
Os principais obxectivos que se pretenderon acadar con esta actividade foron:
-
Informar dos posibles danos que a exposición a determinados axentes químicos perigosos presentes nos produtos cosméticos poden ocasionar na súa saúde.
-
Ofrecer alternativas de medidas preventivas que podemos adoptar nos locais, na selección de produtos a empregar, así como noutras medidas organizativas e hixiénicas
-
Difundir no sector a publicación “Os Coñece do ISSGA_Risco químico en salóns de peiteado”
As relatoras da xornada foron Lucía Ferrón Vidán., xefa da sección de Hixiene Industrial e Técnicas Analíticas do ISSGA e Yolanda Juanes Pérez, técnico de Prevención da Área de Hixiene Industrial do Instituto Asturiano de Prevención de Riscos Laborais.