Xoves, Setembro 20, 2018
Analizamos nunha xornada técnica en Ourense os riscos asociados ás actividades de rehabilitación e de adecuacións de eficiencia enerxética
Ourense, 20 de setembro de 2018. O Centro ISSGA de Ourense acolleu esta xornada na que participaron profesionais da prevención, técnicos, empresarios e traballadores sobre os riscos laborais emerxentes máis relevantes no sector da construción relacionados cas actividades de rehabilitación e de adecuación de eficiencia enerxética
Unha das opcións polas que está a apostar o sector é o desenvolvemento dun novo modelo baseado na innovación que se adapte ás necesidades sociais, económicas e ambientais. A procura da innovación no sector pódese facer mediante melloras en distintos ámbitos técnicos, tales como a utilización de materiais de maior calidade, a incorporación de novas tecnoloxías e equipos de traballo, a mellora dos procesos, o incremento da eficiencia enerxética dos edificios, o deseño de construcións máis sustentables medioambientalmente, etc.
A construción representa un dos sectores prioritarios á hora de establecer actividades preventivas específicas, en aspectos tales como formación, concienciación, sensibilización ou avaliación. Pero, ademais, a innovación no sector tamén se debe dirixir á mellora da prevención de riscos laborais mediante a profundización nas causas dos problemas relacionados coa seguridade e saúde que resultan persistentes no sector e a través da anticipación aos novos riscos laborais, estudando os cambios que se están producindo na sociedade en xeral e no sector en particular.
A Organización Internacional do Traballo (OIT), nun informe recente sobre as oportunidades de emprego que presenta a economía verde, afirma que o modelo de desenvolvemento actual é insustentable, non só desde o punto de vista ambiental, senón tamén desde a perspectiva económica, social e laboral. Neste contexto, é patente a tendencia crecente entre proxectistas e construtores de adoptar novos deseños na edificación que permitan unha maior sustentabilidade da contorna natural mediante a redución do consumo de enerxía e materias primas, unha diminución nas emisións de gases de efecto invernadoiro e a minimización e maior aproveitamento dos residuos. En determinados aspectos, esta tendencia está influída polos requirimentos normativos, tales como as esixencias normativas previstas no Código Técnico da Edificación sobre aforro de enerxía, polas que se establece unha contribución mínima de enerxía solar para auga quente e de enerxía fotovoltaica para enerxía eléctrica nos edificios. Este modelo tamén está a ser impulsado pola implantación de programas de certificación dos chamados edificios ecolóxicos, os cales están baseados na sustentabilidade ambiental, e contemplan criterios tales como o emprazamento sustentable, a protección e eficiencia da auga, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables, a conservación de materiais e recursos naturais, a calidade do ambiente interior ou a innovación no deseño.
Nesta xornada tratouse de identificar e analizar os riscos laborais máis relevantes no sector da construción relacionados coas este tipo de actividades de adecuación dos edificios polas motivacións expostas, en liña co mandato das estratexias europea e española de seguridade e saúde no traballo, que promoven o análise, a detección e a eliminación das causas dos accidentes de traballo e enfermidades profesionais motivadas pola existencia de riscos emerxentes, sempre tendo en conta que non todos estes riscos son novos en rigor, senón que moitos deles son riscos tradicionais que se enmarcan nun novo escenario laboral.
Ao abeiro dos obxectivos que se recollen nas sucesivas estratexias de seguridade e saúde no traballo, que constitúen os instrumentos principais para establecer o marco xeral das políticas de prevención e polas que se aproban os Plans de actuación do Issga, se realizan actuacións continuas no sector da construción e afíns, polas súas especiais peculiaridades e dificultades no eido da integración da prevención.
Entre as principais actuacións do Issga neste ámbito figuran o asesoramento e control das accións técnico preventivas que se realicen nas empresas para elevar a protección da seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras, e a prestación ás empresas, con especial atención ás pequenas e medianas, de asesoramento e asistencia técnica para o mellor cumprimento na normativa de prevención de riscos laborais.
Esta xornada técnica encádrase dentro da oferta formativa do Instituto para este ano 2018, e tivo como obxectivo informar sobre os riscos laborais emerxentes máis relevantes no sector da construción relacionados con este tipo de actividades; dar a coñecer as propostas que sobre esta temática nos realiza o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, e tamén como expoñer os diferentes puntos de vista dos principais axentes implicados no proceso construtivo.
Deste xeito, abordáronse aspectos como a introdución ao concepto de eficiencia enerxética e cuestións básicas sobre cualificación de eficiencia enerxética dos edificios e a súa correspondente certificación, a xestión das obras sen proxecto na construción sostible, aspectos relativos á prevención de riscos laborais nas obras de rehabilitación e de adecuación orientadas fundamentalmente á adaptación dos edificios ás esixencias normativas previstas no Código Técnico de Edificación sobre aforro de enerxía e mesmo do enfoque preventivo a considerar na adecuación das instalacións por motivo eficiencia enerxética e a súa repercusión na seguridade e saúde dos traballadores.