Novas

Venres, Novembro 15, 2019

Analizamos as medidas de prevención para a preparación e aplicación de medicamentos perigosos

Rande-Redondela, 15 de novembro de 2019. Hoxe ten lugar no centro ISSGA de Pontevedra esta xornada técnica que conta coa participación de 125 asistentes que tivo como obxectivos dar a coñecer:

  • Os riscos de exposición na manipulación de medicamentos perigosos

  • Os protocolos e guías para a manipulación segura de medicamentos perigosos

  • A listaxe actualizada de medicamentos perigosos en España

  • As experiencias en farmacia hospitalaria con sistemas pechados de fármacos en centros hospitalarios

  • Os aspectos legais relativos á manipulación e á aplicación de medicamentos perigosos.

A Directiva (UE) 2019/130 de 16 de xaneiro de 2019 pola que se modifica a Directiva 2004/37/CE, relativa á protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes carcinóxenos ou mutáxenos durante o traballo, vén a actualizar a regulación europea nesta materia.

A propia norma sinala a importancia de protexer os traballadores que sofren unha exposición a substancias carcinóxenas ou mutáxenas como resultado da preparación, administración ou eliminación de fármacos perigosos, incluídos os fármacos citotóxicos ou citostáticos, e de traballos que supoñen exposición a estas substancias na limpeza, o transporte e a eliminación de residuos de fármacos perigosos ou materiais contaminados por estes fármacos, así como no coidado persoal de pacientes que reciben un tratamento con estas substancias.

A pretensión é que esta xornada sirva para informar os asistentes do risco que supón a exposición a estes fármacos perigosos e facilitarlles as ferramentas necesarias para evitar o risco ou, no seu caso, reducilo a niveis seguros.

Durante a xornada explicaranse os conceptos e a información dispoñible para a preparación e aplicacións seguras de medicamentos perigosos e a base de datos INFOMEP do INSST, se abordarán os aspectos legais da preparación e administración de medicamentos perigosos e as experiencias na aplicación de medidas preventivas en hospitais, para rematar trasladaráselle aos asistentes as xestións realizadas a nivel comunitario para a súa lexislación así como os protocolos e guías nos que veñen traballando para a súa correcta manipulación.