Novas

Luns, Novembro 12, 2018

Analizamos en Pontevedra as actuacións das pemes en PRL nos procesos de internacionalización

Analizamos en Pontevedra as actuacións das pemes en PRL nos procesos de internacionalización

Rande-Redondela, 12 de novembro de 2018. As empresas inmersas en procesos de internacionalización enfróntanse a grandes dificultades á hora de xestionar a prevención de riscos laborais dos seus traballadores con importantes retos aos que se teñen que enfrontar os profesionais da prevención.

O obxecto desta xornada técnica adicada ás pemes non foi outro que o de informar e sensibilizar ao mundo empresarial da importancia da prevención de riscos laborais, proporcionando directrices e ferramentas para unha xestión eficaz.

A internacionalización das pemes marca novos retos en materia de seguridade e saúde dos seus traballadores. Nestes procesos de globalización hai que prestar especial atención á, cada vez maior, mobilidade dos traballadores e ás esixencias de prevención de riscos laborais que diso se derivan.

Ao longo da xornada analizouse a problemática que xurde antes, durante e despois do desprazamento empresarial e dos requisitos esixibles en cada momento.

Así mesmo, abordáronse as dificultades que se poden dar para garantir a seguridade e saúde dos traballadores, asegurando o cumprimento normativo das diferentes lexislacións.

Finalmente, tivemos a oportunidade de coñecer e valorar a experiencia empresarial galega en materia de prevención de riscos laborais nas obras de alta velocidade Meca-Medina, tendo en conta dos problemas concretos que houbo que afrontar pola situación xeográfica, a climatoloxía e o cambio cultural e relixioso.

É importante, polo tanto, proporcionar ás pemes e aos profesionais da prevención o apoio, as directrices e as ferramentas necesarias para a xestión preventiva da súa empresa e, en particular, dos riscos derivados dos procesos de internacionalización, co fin de garantir a seguridade e a saúde dos seus traballadores desprazados.