Novas

Luns, Maio 27, 2013

Análise da xestión dos riscos en espazos confinados no Centro Issga da Coruña

No centro ISSGA da Coruña tivo lugar, dentro da programación formativa do Issga para 2013, unha xornada técnica na que se informou ás empresas e traballadores sobre as medidas idóneas que se teñen que poñer en práctica na prevención de riscos laborais cando se realizan  traballos en recintos ou espazos confinados, os cales teñen a consideración de traballos con risco especial.
 
Os lugares que son catalogados como confinados son aqueles que  presentan aberturas limitadas para a entrada e a saída ademais dunha ventilación natural desfavorable, nos que existe por tanto a posibilidade de que se acumulen contaminantes tóxicos e inflamables ou pode ter unha atmosfera deficiente en osíxeno; trátase de espazos que non están concibidos para unha ocupación continua por parte dos traballadores.
 
Belkys Torres,  técnica do ISSGA, fixo unha introdución á temática da xornada mostrando a definición e a clasificación destes espazos confinados. Deseguido, Iván Ruíz, falou dos diferentes tipos de sistemas de detección de gases existentes no mercado, como seleccionar o adecuado atendendo aos tipos de instalacións nos que se realicen os traballos e as comprobacións e axustes que se lles teñen que facer a estes equipos. Para rematar, Marcos Moure explicou como se fai a medición da atmosfera, cales poden ser as técnicas adecuadas de acceso e rescate en espazos confinados e resaltou a importancia da formación e o adestramento dos traballadores que vaian a acceder a un espazo confinado.