Mércores, Maio 23, 2012
Análise da seguridade viaria no ámbito laboral nunha xornada técnica no Centro do ISSGA na Coruña
A mobilidade realizada por motivos laborais é un dos principais motivos de desprazamento hoxe en día. O uso masivo do vehículo privado para estes desprazamentos provoca unha serie importante de efectos negativos; o máis relevante é a elevada taxa de accidentabilidade que leva consigo. Isto converte aos accidentes in itinere e in misión nunha das principais causas de accidentes laborais.
En 2010, en España, o 35% dos accidentes mortais de traballo foron accidentes de tráfico (264), o que supón que 3 de cada dez accidentes laborais mortais son accidentes de tráfico.
Estes datos fan que a mellora da seguridade dos desprazamentos relacionados co traballo, empezase a constituír unha liña de acción estratéxica a nivel institucional.
A incorporación da cultura da seguridade viaria ás empresas debería ser unha práctica habitual na política de prevención de riscos laborais.
Nesta xornada técnica deuse a coñecer a problemática da sinistralidade laboral relacionada co tráfico, afondando nas características e metodoloxía de implantación dun plan de mobilidade viaria laboral, proporcionando á empresa unha orientación dos pasos a seguir para a súa posta en marcha e orientando sobre a integración da seguridade viaria no ámbito laboral
Conscientes da importancia da seguridade viaria no ámbito laboral, intentamos con este tipo de eventos promover unha conciencia activa en seguridade viaria entre o noso tecido empresarial, que axude a reducir as elevadas taxas de sinistralidade laboral relacionada co tráfico.