Novas

Luns, Decembro 18, 2017

AGEINCO e o ISSGA colaboran en prevención de riscos laborais no ámbito da enxeñería

Vigo, 18 de decembro de 2017. A Asociación Galega de Empresas de Enxeñería e Consultaría (AGEINCO) e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral ( ISSGA) poñerán en marcha proxectos conxuntos en materia de prevención de riscos laborais en seguridade industrial.

Así se desprende a última Tribuna AGEINCO de 2017 que tivo lugar hoxe en Vigo e  na que participaron a directora e o subdirector do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García e Fernando González Abeijón.

Desde AGEINCO púxose de manifesto a importancia de concienciar sobre a prevención de riscos laborais, especialmente nun ámbito como a enxeñería civil e industrial, no que se camiña cara a unha industria 4.0. Os cambios na tecnoloxía están a facerse a pasos axigantados e é necesario que os empregados estean a se reciclar constantemente e isto só pasa a través da formación actualizada.

Prevese traballar no desenvolvemento de xornadas formativas para técnicos do ISSGA, a elaboración de fichas técnicas de manipulación de maquinaria (estendendo esta acción a publicacións en materia de prevención) e o desenvolvemento de xornadas técnicas e do Foro de Seguridade Industrial en colaboración con outros colexios profesionais e entidades relacionadas coa enxeñería galega.

O ISSGA pon a disposición dos membros da asociación os seus catro centros provinciais co fin de facilitar neles o desenvolvemento de distintos tipo de actividades. Ademais, desde AGEINCO crearán unha comisión específica sobre prevención de riscos laborais no ámbito industrial para ver en que medida poderase colaborar con entidades públicas como o ISSGA.