Xoves, Novembro 26, 2009
Adela Quinzá-Torroja destaca no Foro de Prevención no Naval o traballo do ISSGA polo impulso da prevención de riscos laborais nese sector
A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja García, inaugurou hoxe en Vigo unha xornada do Foro de Prevención no Naval -organizado pola Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e coordinado por Hermenegildo Franco- na que se presentou o Protocolo de Actuación en Caso de Accidente Grave ou Mortal.
Na súa intervención, Quinzá incidiu no traballo do ISSGA a prol da loita contra a sinistralidade e do fomento da prevención de riscos no sector naval, salientando especialmente o labor do seu centro provincial de Pontevedra, situado en Rande (Redondela), en moitos casos en colaboración coa Inspección de Traballo.
Ademais, fixo fincapé na necesidade de que o ISSGA, como órgano técnico en prevención de riscos laborais, teña a máxima presenza en foros como este “para acadar, de xeito progresivo, a total integración no tecido empresarial de Galicia”.
Segundo apuntou, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral “non se conforma con ser o órgano técnico en prevención de riscos laborais porque así o dispoña a lei pola que se constituíu, senón que quere cumprir as funcións encomendadas de xestión e coordinación das políticas preventivas ao lado dos interlocutores sociais, das empresas e dos traballadores e traballadoras de Galicia”, dando así “un salto cualitativo e facilitando o cumprimento das obrigas preventivas”.