Novas

Mércores, Maio 12, 2010

ACTIVA PARTICIPACIÓN DO ISSGA NA FEIRA PREVISEL

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García, asistirá hoxe día 12 ao acto de inauguración da feira Previsel, que estará presidido polo director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá Rodriguez, na Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense.

Como membro do comité asesor de Previsel, o ISSGA participa de forma activa neste certame cun stand institucional e coa intervención dos seus técnicos e expertos en diferentes mesas de debate, conferencias e obradoiros, programados dentro das xornadas técnicas.

No stand do ISSGA presentarase material divulgativo, publicacións, revistas e vídeos de campañas de prevención.

Amais, técnicos do ISSGA intervirán en dúas mesas redondas sobre “Enfermidades profesionais”, na que participará Teresa Pérez Blanco, médica de Traballo do ISSGA; e sobre “Formación en prevención”, na que intervirá Héctor González Novoa, xefe de Sección de Fomación do centro ISSGA de Ourense.

A xornada sobre “Integración da PRL no sistema de xestión das empresas” contará coa participación do xefe do Centro do ISSGA en Ourense, Angel López, que falará sobre “Novidades normativas e guía técnica da integración da prevención do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo” e Héctor González, que abordará “A integración da PRL como elemento clave para o funcionamento da prevención”. Esta xornada complementarase con sesións prácticas de demostración de casos reais de empresas de moi diversa tipoloxía, que integran a prevención na súa xestión, co obxectivo de cero accidentes.

A implicación do ISSGA en Previsel complétase con actividades permanentes, en horario de mañá e tarde, con 15 obradoiros de emprego de diferentes localidades de Ourense, con charlas sobre prevención de riscos que precederán á súa visita á feira.