Martes, Xuño 05, 2018
Achegamos a realidade virtual á PRL
Lugo, 5 de xuño do 2018. O Centro Issga de Lugo acolle este taller, en colaboración con Asepeyo, co obxectivo de achegar a tecnoloxía da realidade virtual á prevención de riscos laborais a través da experiencia dos técnicos e responsables na materia e no que participaron unha vintena de persoas.
Trátase dun taller no que, de forma rotatoria en grupos de cinco persoas e cunha duración aproximada dunha hora, se utiliza un simulador con dous módulos:
-
Prevención de caídas en altura
-
Traballo en espazos confinados
Nos últimos anos a tecnoloxía de realidade virtual experimentou un gran avance, especialmente grazas á aposta do sector do entretemento por lograr experiencias máis inmersivas, que poñan ao usuario no centro da acción.
En que utilizamos a realidade virtual?
Grazas a esta mellora dos equipos e da industria que os rodea, esta tecnoloxía púidose adaptar a contornas e sectores moi diferentes, por exemplo o sanitario ou o docente. Isto fixo posible que poidan aplicarse dunha maneira máis ampla, realizando tratamento de fobias ou rehabilitación de pacientes hospitalarios, entre outras moitas funcións.
O ámbito da prevención de riscos laborais non é alleo a estes avances, e moitas empresas están a apostar por utilizar a realidade virtual para mellorar os procesos ou reducir a sinistralidade nas súas organizacións.
A realidade virtual permite reproducir situacións reais, nas que o usuario ten liberdade de acción e pode vivir, en primeira persoa, as consecuencias de sufrir un accidente laboral cando non se adoptan as medidas preventivas adecuadas.
A súa aplicación na prevención de riscos laborais
A diferenza doutros métodos máis tradicionais, esta ferramenta permite eliminar a distancia que hai entre o observador e o feito observado, xerando un importante impacto emocional de sensibilización.
Doutra banda, tamén posibilita realizar formación práctica, especialmente para postos de traballo moi perigosos, onde un erro pode causar lesións moi graves ao traballador, ou para aprender como se debe actuar ante situacións excepcionais, como pode ser un incendio, ou o rescate dunha persoa.
Por último, e non menos importante, a realidade virtual permítenos reproducir contornas reais, mesmo antes de construílos. Por iso, pódese realizar unha representación virtual de edificios, instalacións, e postos de traballo concretos en fase de deseño, o que permite comprobar, en primeira persoa, como serán e eliminar situacións perigosas ou inadecuadas antes de que se fagan efectivos.
A realidade virtual é unha tecnoloxía revolucionaria que xa forma parte do presente, e debemos tela moi en conta porque se converteu nunha ferramenta imprescindible para a prevención de riscos laborais e, por tanto, para reducir os accidentes nas empresas.