Novas

Luns, Outubro 22, 2012

90 alumnos participaron en 2 cursos básicos de prevención de riscos laborais nos centros do ISSGA de Ourense e Pontevedra

• A pasada semana, dentro da oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral para este ano 2012, desenvolvéronse 2 edicións do Curso básico de prevención de riscos laborais nos centros de Ourense e Pontevedra, nos que imparten formación mais de 15 técnicos do ISSGA das especialidades de Seguridade, Hixiene, Ergonomía e Psicosocioloxía e Medicina Laboral.

Nestas accións formativas participaron aproximadamente 90 alumnos de distintos colectivos e sectores (administrativo, eléctrico, emerxencias sanitarias, informática, automoción, xurídico, mecánica, construción, agricultura, industria, artes gráficas, etc.).

Contido:

Estes cursos, que se desenvolven en modalidade presencial, teñen unha duración de 35 horas lectivas e desenvolven o programa formativo que se establece no anexo IV-B) do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de Prevención de 30 h., ao que se lle engade un módulo sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero de 5 horas. O programa do curso versa sobre:

1. Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.
2. Riscos xerais e a súa prevención.
3. Riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención.
4. Elementos básicos da xestión da prevención de riscos.
5. Primeiros auxilios.
6. Prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.

Obxectivos:

1. Proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención, establecida no artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención.

2. Proporcionar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo en determinados casos.

Oferta formativa do ISSGA

A Lei de Prevención de Riscos Laborais de proporcionar aos traballadores formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo.

Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.

A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.

Neste liña, a oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como on line a través da web, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011–2014.