20/10/2026

Liderado saudable

imaxe do webinar de liderado saudable
  • Data: 20/10/2026
  • Inscrición: 02/10/2026 a 19/10/2026
  • Duración: 2 horas
  • Lugar de celebración: En liña

O liderado desempeña un papel relevante na creación de contornas de traballo saudables e na promoción do benestar das persoas traballadoras. Nun contexto laboral cada vez máis dinámico e esixente, a forma en que se dirixen e acompañan os equipos pode influír en aspectos como a comunicación, a confianza, a colaboración e a xestión dos conflitos, así como na prevención dos riscos psicosociais.

No marco da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, o Issga, en colaboración con MC Mutual, organiza este webinar sobre liderado saudable, no que se abordará o papel das persoas que exercen funcións de liderado na xeración de seguridade psicolóxica nos equipos. Este concepto fai referencia á creación dun clima no que as persoas poidan expresar ideas, preguntas, preocupacións ou erros sen temor a ser ridiculizadas, castigadas ou excluídas, favorecendo a confianza e a participación.

Durante a sesión analizarase como un liderado consciente, empático e adaptativo pode contribuír a crear contornas de traballo emocionalmente seguros e saudables. Abordaranse aspectos relacionados coa comunicación aberta, a escoita activa, o recoñecemento das contribucións, a xestión e normalización do erro como oportunidade de aprendizaxe, a corresponsabilidade e o establecemento de límites claros e respectuosos.

Tamén se prestará especial atención á relación entre liderado e prevención de riscos psicosociais, analizando como as actuacións de quen lidera os equipos poden contribuír a mellorar as relacións interpersoais, xestionar os conflitos e favorecer o benestar emocional das persoas traballadoras.

O webinar terá un enfoque práctico e participativo. A través de exemplos, dinámicas e outros recursos, facilitaranse ferramentas e orientacións que poidan trasladarse ao día a día dos equipos e das organizacións, co obxectivo de favorecer unha cultura baseada na confianza, o respecto e a colaboración.

A actividade está dirixida a técnicos e técnicas de prevención de riscos laborais, responsables de seguridade e saúde laboral, empresarios, empresarias e persoal directivo, mandos intermedios, delegados e delegadas de prevención e outras persoas con responsabilidades de xestión ou coordinación de equipos, así como a profesionais interesados na promoción de contornas de traballo saudables.

Con esta  actividade, o Issga, en colaboración con MC Mutual, contribúe á difusión de coñecementos e ferramentas orientadas a integrar o benestar das persoas na xestión das organizacións e a promover estilos de liderado que favorezan unhas condicións de traballo seguras e saudables.

Máis información e incrición: Xestión eventos Issga

PROGRAMA


 

10.00 PRESENTACIÓN E APERTURA

Representante da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración / Issga

10.10 LIDERADO SAUDABLE: CLAVE PARA A PROMOCIÓN DA SAÚDE MENTAL E DA PRODUTIVIDADE DO EQUIPO.

Francesc Martí. Licenciado en Psicoloxía, técnico especialista en Psicosocioloxía Aplicada da División de Servizos de Prevención de MC-MUTUAL. 

12.00 COLOQUIO E PECHE

Representante da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración / Issga

Documentación