II XORNADA GALEGA PRL Universidade e empresa ante os retos preventivos
Reitoría. Universidade da Coruña
A II Xornada “Universidade e empresa ante os retos preventivos” consolídase como un espazo de encontro, reflexión e intercambio de coñecemento entre as universidades galegas, as administracións públicas e o tecido empresarial, co propósito de avanzar cara a contornas de traballo máis seguras, saudables e sostibles.
Tras a celebración da primeira edición, esta segunda convocatoria afonda nos desafíos emerxentes da prevención de riscos laborais, incorporando unha visión integral que abrangue non só a seguridade e a saúde no traballo, senón tamén o benestar emocional das persoas traballadoras, a xestión dos conflitos, a preparación ante situacións de emerxencia, a mobilidade sostible e a adaptación aos cambios normativos que marcarán o futuro da prevención.
A xornada pretende servir de foro de diálogo, coñecemento e intercambio de experiencias, no que compartir boas prácticas e iniciativas innovadoras e enfoques que contribúan a fortalecer a cultura peventiva. Para iso, reunirá profesionais da prevención, responsables institucionais, representantes empresariais, persoal técnico, alumnado en prácticas e comunidade universitaria. Deste xeito, búscase fortalecer a cultura preventiva e promover unha maior integración da prevención nas organizacións desde unha perspectiva centrada nas persoas.
Esta segunda edición reafirma a vocación de continuidade da iniciativa, coa intención de consolidarse como unha cita anual de referencia en Galicia no ámbito da prevención de riscos laborais, contribuíndo á creación dun espazo estable de colaboración entre universidade e empresa para afrontar conxuntamente os retos presentes e futuros da saúde laboral.