Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo 2022
Data de inicio: 25 de Abril , 2022
Data de fin: 28 de Abril , 2022
Ámbito: Internacional
Actuar xuntos para construír unha cultura de seguridade e saúde positiva.
O Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo celebrarase o 28 de abril. A Organización Internacional do Traballo (OIT) para o 2022 escolleu como lema “Actuar xuntos para construír unha cultura de seguridade e saúde positiva” e centrarase na participación e o diálogo social na creación dunha cultura de seguridade e saúde positiva.
Este ano a OIT destaca que durante a pandemia de COVID-19 observamos que contar cun sistema de seguridade e saúde no traballo (SST) sólido, que inclúa unha participación efectiva dos Gobernos, os empregadores, o persoal traballador, os actores da saúde pública e todas as partes relevantes a nivel nacional e empresarial, foi decisivo para protexer as contornas de traballo e salvagardar a seguridade e a saúde dos traballadores.
Mediante un diálogo social eficaz, os Gobernos e os interlocutores sociais participan activamente en todas as etapas dos procesos de toma de decisións en materia de SST. Reviste especial importancia desde o desenvolvemento e a revisión da política de SST e os marcos normativos para abordar os retos persistentes e novos de SST ata a aplicación concreta no lugar de traballo. O diálogo social non só contribúe a mellorar as políticas e estratexias en materia de SST, senón que tamén é esencial para fomentar a apropiación e o compromiso, facilitando o camiño para a súa rápida e máis eficaz posta en práctica.
No lugar de traballo, unha cultura de SST sólida é aquela en a que tanto a dirección como o persoal traballador valoran e promoven o dereito a unha contorna de traballo seguro e saudable. Unha cultura de SST positiva baséase na inclusión, mediante a participación significativa de todas as partes na mellora continua das condicións de seguridade e saúde no lugar de traballo. Nun lugar de traballo cunha cultura de SST sólida, as persoas traballadoras séntense cómodas expondo as súas preocupacións sobre posibles riscos ou perigos para a SST no lugar de traballo e a dirección colabora activamente con elas para atopar solucións adecuadas, eficaces e sustentables. Para iso é necesario establecer unha comunicación aberta e un diálogo baseado na confianza e o respecto mutuo.
Mentres seguimos vivindo unha crise sanitaria mundial e enfrontámonos a continuos riscos en materia de SST no mundo do traballo, debemos seguir avanzando na construción dunha cultura de seguridade e saúde sólida a todos os niveis.
Con motivo desta celebración o ISSGA organiza e colabora con outras entidades en diversas actividades formativas e actos que se indican a continuación:
Actividades organizadas polo ISSGA:
26 de abril de 2022. Presentación da Escola Galega de Prevención do ISSGA instalada no seu centro da Coruña. É un espazo que amosa o esencial das distintas disciplinas preventivas e vincula o traballo da PRL a outros aspectos da seguridade como a saúde, os ODS, etc. Trátase dun espazo dinámico e moi visual.
28 de abril de 2022. Webinar “Saúde e teletraballo”
28 de abril de 2022. Presentación da Campaña do ISSGA para a redución dos accidentes non traumáticos no ámbito laboral
Colaboración do ISSGA noutras actividades
25 de abril de 2022. Xornada de presentación da Campaña de información e sensibilización para a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais no sector pesqueiro de Galicia, organizada por FUNDAMAR.
27 de abril de 2022. Xornada “O amianto no marco actual: inspección, análise e medicións” organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC).
28 de abril de 2022. Webinar sobre o amianto e os concellos, organizado por Bureau Veritas.
28 de abril de 2022. I Simposio PRL Santiago “Prevención de riscos laborais no ámbito sanitario” organizado pola Unidade de Prevención de Riscos Laborais (UPRL) - Medicina Preventiva. Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza do Sergas.
28 de abril de 2022. Participación técnica nunha xornada sobre risco psicosocial organizada polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia na súa sede da Coruña.
28 de abril de 2022. Xornada “A pé de monte con seguridade” organizada por Lugo Madera.