
SE COIDAMOS A CALIDADE DO TRABALLO, COIDAMOS A CALIDADE DE VIDA
Que porcentaxe de accidentes de traballo mortais en xornada laboral en Galicia en 2021 tiveron a súa orixe en infartos, derrames e outras patoloxías non traumáticas ?
Houbo 48 accidentes de traballo mortais, dos que 25 (o 52%) tiveron a súa orixe en infartos, derrames e outras patoloxías non traumáticas. O feito de que se produzan en xornada é o que lles da presunción de accidente de traballo. Este dato indica que é a primeira causa de morte no traballo tendo en conta os datos de accidentes de traballo rexistrados.
Como é a tendencia deste tipo de accidentes?
Se se fai unha comparación con anos anteriores, tanto a nivel de Galicia como a nivel nacional, obsérvase unha tendencia á alza deste tipo de accidentes.
Que podemos facer?
Neste momento é preciso, tamén dende o ámbito laboral, facer unha campaña de prevención cunha visión integral da saúde para a redución dos accidentes que teñen a súa orixe en infartos, derrames e outras patoloxías non traumáticas e que ocorren durante a xornada laboral.
Cal é a liña a seguir?
Para obter unha visión integral da saúde, débese superar as obrigas establecidas na normativa de PRL e traballar na sensibilización e na información para a xeración de contornos laborais saudables aos que adhiran as empresas para que, mediante programas que procuren beneficios a nivel individual do persoal traballador, acaden á súa vez un beneficio colectivo e, polo tanto, que reduzan a sinistralidade laboral mortal e tamén, deste xeito, lograr unha maior produtividade, menos baixas laborais, mellor clima laboral e a retención do talento, entre outros.
Que aspectos debemos ter en conta para reducir os accidentes non traumáticos no ámbito laboral?
- A necesaria boa xestión no centro de traballo dos riscos psicosociais (estrés, ansiedade, etc.) en canto a carga de traballo, xestión do tempo,... Tras a etapa COVID afloraron moitas problemáticas neste sentido no ámbito laboral aínda sen resolver.
- A detección, prevención e a resolución de conflitos nos centros de traballo (violencia, acoso, etc.).
- Vixilancia da saúde obrigatoria nos centros de traballo.
- Adhesión ou execución pola empresa en colaboración cos traballadores de programas de promoción da saúde no traballo (que superen as obrigas en materia de prevención). Mellora da imaxe empresarial.
- Estilos de vida saudables a nivel individual e colectivo, que sin dúbida deriva dos programas anteriores e da responsabilidade individual.
Cal é o motivo para realizar esta campaña?
En resumo, é preciso realizar esta campaña en primeiro lugar para mellorar a saúde persoal e reducir a sinistralidade laboral e en segundo lugar para promover accións rendibles e darlles información ás empresas que o necesiten, nunha etapa en constante cambio e caracterizado pola transformación dixital, o envellecemento da poboación traballadora, a incerteza e a inseguridade.
O que se pretendería é atraer especialmente ás pemes e micropemes.
A continuación indícanse os 12 consellos que forman parte desta camapaña que ten como obxectivo acadar contornos laborais saudables que axuden a dimuniur os accidentes laborais que teñen a súa orixe en infartos, derrames e outras patoloxías non traumáticas.
Tamén se poden descargar na ligazón que aparece ao final xunto coa cuña de radio que forma parte dos recursos desta campaña.
OLA SAÚDE! CONTORNOS LABORAIS SAUDABLES
A campaña deuse a coñecer en diversos medios comezando a súa difusión con motivo do Día Mundial da Seguriade e Saúde no Traballo - 28 de abril, e elaboráronse varias pezas conmemorativas deste día coa mensaxe principal da campaña de redución de accidentes non traumáticos "Se coidamos a calidade do traballo, coidamos a calidade de vida".
DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO