Campañas

Emprego de dispositivos electrónicos portátiles

Dispositivos mobiles portátiles

A excepcional situación actual causada pola COVID-19 levou a establecer o carácter preferente do traballo a distancia e propiciou a necesidade de improvisar en moitos fogares este tipo de traballo sen os recursos, organización e soporte idóneos, polo que a xestión actual da prevención de riscos laborais debe axustarse a esta situación e toma especial importancia a necesidade de promover as boas prácticas preventivas nesta situación.

Co obxecto de que este traballo a distancia se leve a cabo dentro das mellores condicións de seguridade e saúde, o ISSGA, dentro do seu Plan de Actividades, elaborou unha campaña de sensibilización denominada TELETRABALLA CON PREVENCIÓN coas recomendacións e as medidas preventivas máis apropiadas para desenvolver esta actividade que foi presentada recentemente.

Como complemento a esta campaña elaboráronse novos documentos sobre o USO DE DISPOSITIVOS ELECTRÓNICOS PORTÁTILES.

As TIC e os dispositivos electrónicos portátiles de traballo aumentan a produtividade, facilitando a capacidade de resposta en calquera momento ou lugar e ademais poden axudar á conciliación da vida persoal, familiar ou laboral.

Porén, a súa utilización prolongada e continuada tamén pode facer que esteamos expostos a riscos adicionais, especialmente de tipo ergonómico, como os derivados da exposición a posturas forzadas e a movementos repetitivos ou a fatiga visual.

Na documentación técnica elaborada para esta campaña facemos fincapé naquelas recomendacións preventivas nos ditos aspectos:

EXPOSICIÓN A POSTURAS FORZADAS E A MOVEMENTOS REPETITIVOS

É importante facer un uso o máis racional e controlado posible dos dispositivos.

En xeral, cando usamos os dispositivos electrónicos portátiles (ordenador, tableta, teléfono móbil, ...) debemos apoialo e colocalo o máis alto posible e próximo á altura dos ollos.

Empregaremos un equipo que permita manter a postura física o máis neutra posible: pés apoiados, costas rectas e con soporte lumbar, pescozo sen flexionar e distancias axeitadas; pode conseguirse todo isto con cadeiras regulables en altura ou dispoñendo os equipos informáticos á altura óptima.

Debemos lembrarnos de facer descansos a miúdo e exercicio de estendemento e relaxación; resultan máis eficaces as pausas curtas e frecuentes.

FATIGA VISUAL

Realizaremos exercicios de relación da vista, como por exemplo, contemplar de cando en vez escenas afastadas ou realizar exercicios de ”palmeado”.

Alternaremos traballos de pantalla con outros que supoñan menor carga visual.

Consideraremos a contorna de traballo, evitando reflexos e cegamentos na pantalla, axustaremos o tamaño de letra e regularemos o brillo e o contraste da pantalla para acadar unha lectura cómoda.

Documentación