O sector vitivinícola galego, ademais de ser un elemento básico do sector primario da nosa economía, tamén é un referente de identidade da nosa comunidade autónoma baseado na tradición e o bo facer de moitas familias do ámbito rural de Galicia.
Responde a un colectivo sometido a riscos de especial interese por canto o seu persoal traballador está exposto a circunstancias asociadas tanto ás formas tradicionais de produción coma as formas de traballo derivadas das importantes innovacións tecnolóxicas que se teñen producido no sector, e que poden ser causa potencial de accidentes ou de enfermidades profesionais.
O ISSGA ven marcando o sector primario, en particular a actividade vitivinícola, como un sector de actuación preferente pola súa importancia económica e estruturadora do territorio, tanto no asesoramento técnico a empresas, na promoción da prevención de riscos laborais, na elaboración de documentación técnica así como da realización de diversas actividades formativas e informativas no sector.
O obxectivo deste documento é difundir e sensibilizar a importancia da prevención de riscos laborais no sector vitivinícola coa presentación actualizada da documentación técnica sobre o traballo na viña, na que, dun xeito moi gráfico e visual, pódense identificar os riscos laborais e medidas preventivas asociados a este traballos que permitan tanto unha diminución da sinistralidade laboral como a mellora das condicións de traballo das persoas empregadas nese sector.
Inclúense os riscos presentes nas tarefas realizadas nas viñas, dende a preparación do terreo aos tratamentos ás cepas e que rematará nunha fase posterior de recolleita da uva.
Neste fase do proceso vitivinícola, que se desenvolve durante case todo o ano, son moitos os riscos laborais aos que están expostos as persoas traballadoras, destacando os derivados do traballo no exterior e á intemperie (exposición solar e calor, frío e humidade), o uso de equipos de traballo (tractor, apeiros, rozadoira, motoserra, aramios..) ou de produtos fitosanitarios así como os trastornos musculoesqueléticos e a manipulación de cargas.
