Prevención da exposición a sílice cristalina respirable en talleres e obras

O plan de actuación do Issga do ano 2023, recolle dentro do eixe EIXE 5 “Promoción da prevención, mellora da xestión e redución da sinistralidade”, na ficha “5.15 Axentes canceríxenos e mutáxenos” as seguintes actuacións nas que se enmarca esta campaña:

  • Realizar actuacións de comprobación, información e sensibilización específicas nos traballos con risco de exposición a po de sílice nas seguintes actividades: lousa, granito, construción, aglomerados de cuarzo, etc., debido a súa consideración como axente canceríxeno.

Esta publicación diríxese ao sector que traballa tanto a pedra natural como os chamados aglomerados de cuarzo, ben no taller ou ben na obra ou colocando estes materiais nos domicilios co fin último de evitar que as persoas que desenvolven estes traballos contraian silicose, incluso nalgúns casos a chamada silicose acelerada, aumentando ademais o risco de padecer cáncer de pulmón.

Preténdese concienciar e sensibilizar a este sector, tanto ao empresariado como ao persoal traballador, sobre os ricos da exposición a SCR e as medidas de prevención e protección coas que necesariamente se deben desenvolver os traballos cando non se poida evitar a presenza de SCR.

O material informativo elaborado difundirase ás empresas galegas que traballan no sector, tanto dende a nosa páxina web como mediante as principais asociacións empresariais e sindicais implicadas co fin de que se achegue esta información ao maior número de empresas e persoas traballadoras afectadas.

Elaborouse en formato impreso e dixital, en galego e castelán, un documento técnico informativo específico “Prevención da exposición a sílice cristalina respirable en talleres e obra”, no que se aborda dun xeito claro e sintético:

  • Os graves danos para a saúde que pode causar a inhalación de SCR, tanto silicose como cáncer de pulmón
  • Cales son as operacións de maior risco, é dicir as que poden xerar po de SCR
  • As principais obrigas legais como son a de avaliar especificamente a exposición a este contaminante e actuar en consecuencia aplicando todas as medidas de prevención e protección necesarias e informar e formar ao persoal traballador.
  • As principais medidas de prevención e protección que necesariamente se deben aplicar cando estea presente o contaminante nos lugares de traballo , sen esquecer as medidas de prevención específicas cando se fai a montaxe e instalación de pezas en obras ou domicilios particulares, como é o caso da instalación de encimeiras nas cociñas.

 

Portada sílice cristalina respirable
Documentación