Plan de actividades 2013

Este documento recolle as principais liñas de traballo e actuacións técnicas que desenvolverá o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) durante o ano 2013. Coma sempre, veñen determinadas polos fins e funcións definidos para este organismo pola Lei 14/2007 que o crea e regula, e polo Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014, que adoptado no marco do diálogo social, define as políticas que nas materias de seguridade, hixiene e saúde laboral estableceron os poderes públicos da Comunidade autónoma para a mellora das condicións de traballo, co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo durante o período, e das que o Issga é o órgano encargado da súa xestión e coordinación.

En calquera actividade complexa as melloras precisan de tempo para afirmarse; isto acentúase no ámbito da prevención de riscos laborais, xa que non só depende das aptitudes, senón sobre todo das actitudes persoais e da sociedade. Por iso, é imprescindible manter unha continuidade dos programas iniciados, especialmente en aqueles que pola súa extensión ou complexidade precisan de máis dun exercicio para seren executados axeitadamente. Tamén supón unha liña continuista o grupo de actividades de carácter permanente que desenvolve o Issga de xeito rutineiro, especialmente nos grupos da xestión dos procesos internos e o das colaboracións e asistencias técnicas.

Porén, amplíanse as colaboracións institucionais que o ano pasado se definiron como propostas, especialmente no eido da saúde laboral, coa intención de consolidalas como actuacións permanentes coa vocación de lograr unha coordinación sólida entre os órganos da administración con competencias nesa materia, sinaladamente a autoridade sanitaria. O obxectivo 3 do Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014 incide específicamente no reforzo da colaboración e coordinación das institucións dedicadas á prevención de riscos laborais. Na procura dunha maior eficiencia, procúrase robustecer as liñas de colaboración establecidas con outros axentes e organismos e acadar outras novas, para optimizar os resultados perseguidos.

Algunhas das actividades, aínda que na súa formulación neste documento e a estensión que nel teñen non o reflicta, experimentan unha importante expansión, tanto cuantitativa como cualitativa. Especialmente, a participación do Issga no primeiro programa de desenvolvemento rural sostible para o período 2010-2014 que se iniciou o ano pasado e este sinálase coa referencia DF6, consistente na realización de actividades de información e formación dos traballadores do sector primario do ámbito rural amparadas no
convenio asinado entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos Plans de zona das zonas rurais, suporá un incremento moi significado do esforzo que realizará o Issga en materia de formación e información, e a consecuente elaboración de documentos técnicos e didácticos.

As premisas que se definiron en anos anteriores como base para a planificación das actividades técnicas do Issga seguen a ser as mesmas, a saber:

  • Os seus fins e funcións, definidos nos artigos 3 e 4 da Lei 14/2007.
  • O cumprimento dos obxectivos e accións definidos polo Plan Estratéxico para a PRL en Galicia 2011-2014. 
  • Os recursos humanos e materiais dispoñibles, tanto propios como os que procedan de colaboracións con outros axentes, que determinan a súa capacidade de obrar.
  •  As necesidades propias do organismo, na procura da mellora da súa xestión e resultados, e da potenciación do seu papel como órgano coordinador das políticas que nas materias de seguridade, hixiene e saúde laboral establezan os poderes públicos da Comunidade Autónoma.
  • A consolidación de accións emprendidas en anos anteriores.
  • As actividades xa iniciadas de carácter plurianual, ou as anuais que interesa prolongar no tempo, en función do seu impacto e eficacia.
  •  A existencia de actividades non programables, que é consecuencia da propia natureza da labor que desenvolve o Issga, ao actuar nos casos de accidente, ou ao atender a demandas e requirimentos doutros organismos ou dos axentes sociais. 
  • A aparición de normativa e de criterios técnicos novos. 
  • O estado sociolaboral actual en xeral, e da PRL en particular.
  • A adaptación aos novos coñecementos, aos cambios e ao progreso técnico que se produzan no eido da prevención de riscos.
  • As necesidades e demandas da sociedade en xeral, dos axentes sociais, e das empresas e os seus traballadores e traballadoras en concreto.
Plan de actividades 2013
Documentación