Informe de actuacións e xestión 2020

Este documento explicativo do traballo realizado no ano 2020 polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) dá resposta ao mandato contido no artigo 13 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, polo que se crea e regula o Instituto, que dispón a obriga de que con periodicidade anual se elabore unha memoria de actividades da que se dará conta ao Parlamento de Galicia para os efectos de control por parte deste organismo. De igual xeito, o artigo 37 dos estatutos do Instituto, aprobados polo Decreto 165/2014, do 11 de decembro, establece a elaboración dun informe xeral anual de actuacións e de xestión no que se reflicta con claridade as actuacións desenvolvidas no exercicio precedente.

O Plan de Actividades para o 2020 deuse a coñecer na reunión do Consello Reitor, órgano superior colexiado de goberno do Issga, que tivo lugar o día 31 de xaneiro de 2020, e recolle as principais liñas de actuación e programas máis destacables que tiña que desenvolver o organismo nese período. Debe poñerse en valor que neste órgano, ademais das autoridades laboral, sanitaria e mineira da Xunta de Galicia, teñen presenza cualificada os interlocutores sociais, en concreto as organizacións sindicais (UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia, CIG e CSIF Galicia) e empresarial (CEG).

Todo o anterior e os traballos futuros deben enmarcarse no mandato legal que encarga ao Issga a xestión e a coordinación que nas distintas disciplinas preventivas (seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada e medicina do traballo) estableza a Xunta de Galicia para a mellora das condicións laborais co obxecto de eliminar ou reducir na súa orixe os riscos inherentes ao traballo.

Este informe, ademais de dar cumprimento do disposto nas normas mencionadas, evidencia a total transparencia nos obxectivos, nas actuacións e nos resultados acadados, así como a transversalidade das funcións atribuídas ao Issga polo seu labor de coordinación con outras unidades administrativas e a participación dos interlocutores sociais.

Preténdese tamén, con este resumo de actividades no eido da seguridade e a saúde no traballo, servir de promoción e de impulso para reforzar o compromiso de todos os actores implicados nas relacións laborais e para o fortalecemento do Issga como órgano técnico na materia que, co seu traballo, asente a planificación e xestión preventiva dos riscos como alternativa á sinistralidade (accidentes de traballo e enfermidades profesionais) e a mellora continua das condicións de traballo para acadar un traballo máis seguro e de máis calidade na sociedade galega.

Documentación