Informe de actuación e xestión 2019

Este documento explicativo do traballo realizado no ano 2019 polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), que foi aprobado por unanimidade na reunión do Consello Reitor con data 16 de novembro de 2020, dá resposta ao mandato do Decreto 165/2014, do 11 de decembro polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que indica que a Xerencia elaborará un informe xeral anual de actuación e xestión no que se reflectirá con claridade a actividade desenvolvida no exercicio precedente (artigo 37), cuxa aprobación corresponde ao Consello Reitor (artigo 16.d), e que posteriormente a Xerencia remitirá ao Parlamento para o exercicio do control parlamentario (artigo 22.h).

Tal e como se establece na súa normativa reguladora, foi a Comisión de Goberno do Issga, na súa reunión do 14 de decembro de 2018, o que aprobou o Plan de actividades para o 2019, que recolle as principais liñas de actuación e programas máis destacables que tiña que desenvolver o organismo nese período. Debe poñerse en valor que neste órgano, ademais da autoridade laboral, sanitaria e mineira da Xunta de Galicia, teñen presenza cualificada os interlocutores sociais, en concreto as organizacións sindicais (UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CIG) e empresarial (CEG). Todas elas fixeron as súas achegas ao plan que tiña que executar o Issga.

Todo o anterior e os traballos futuros deben enmarcarse no mandato legal que encarga ao Issga a xestión e a coordinación que nas distintas disciplinas preventivas (seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada e medicina do traballo) estableza a Xunta de Galicia para a mellora das condicións laborais co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo.

Este informe, ademais de para dar cumprimento do disposto nas normas mencionadas, evidencia a total transparencia nos obxectivos, nas actuacións e nos resultados acadados, a transversalidade das funcións atribuídas ao Issga polo seu labor de coordinación con outras unidades administrativas e a participación dos interlocutores sociais.

Preténdese tamén con este resumo de actividades no eido da seguridade e a saúde no traballo servir de promoción e de impulso para reforzar o compromiso de todos os actores implicados nas relacións laborais e para o fortalecemento do Issga como órgano técnico na materia que co seu traballo asente a planificación e xestión preventiva dos riscos como alternativa á sinistralidade (accidentes de traballo e enfermidades profesionais) e a mellora continua das condicións de traballo para acadar un traballo máis seguro e de máis calidade na sociedade galega.

 

Documentación