Este documento explicativo do traballo realizado no ano 2016 polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) dá resposta ao mandato contido no artigo 13 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto, que dispón a obriga de que con periodicidade anual se elabore unha memoria de actividades da que se dará conta ao Parlamento de Galicia para os efectos de control por parte deste organismo. De igual xeito, o artigo 37 dos Estatutos do Instituto, aprobados polo Decreto 165/2014, do 11 de decembro, establece a elaboración dun informe xeral anual de actuacións e xestión en que se reflicta con claridade as actuacións desenvolvidas no exercicio precedente.
Tal e como se establece na súa normativa reguladora, foi a Comisión de Goberno do Issga, na súa reunión do 18 de abril de 2016, o que aprobou o Plan de actividades para o 2016, que recolle as principais liñas de actuación e programas máis destacables que tiña que desenvolver o organismo nese período. Debe poñerse en valor que neste órgano, ademais da autoridade laboral, sanitaria e mineira da Xunta de Galicia, teñen presenza cualificada os interlocutores sociais, en concreto as organizacións sindicais (UGTGalicia, SN de CCOO de Galicia e a CIG) e empresarial (CEG). Todas elas achegaron as súas contribucións ao plan que tiña que executar o Issga.
Todo o anterior e os traballos futuros deben enmarcarse no mandato legal que encarga ao Issga a xestión e a coordinación que nas distintas disciplinas preventivas (seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada e medicina do traballo) estableza a Xunta de Galicia para a mellora das condicións laborais co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo.
Esta informe, ademais de para dar cumprimento do disposto nas normas mencionadas, evidencia a total transparencia nos obxectivos, nas actuacións e nos resultados acadados, a transversalidade das funcións atribuídas ao Issga polo seu labor de coordinación con outras unidades administrativas e a participación dos interlocutores sociais.
Preténdese tamén con este resumo de actividades no eido da seguridade e a saúde no traballo servir de promoción e de impulso para reforzar o compromiso de todos os actores implicados nas relacións laborais e para o fortalecemento do Issga como órgano técnico na materia que co seu traballo asente a planificación e xestión preventiva dos riscos como alternativa á sinistralidade (accidentes de traballo e enfermidades profesionais) e a mellora continua das condicións de traballo para acadar un traballo máis seguro e de máis calidade na sociedade galega.

- Documentación