Informe de actuación e xestión 2015

Este documento explicativo do traballo realizado no año 2015 polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) dá resposta ao mandato que figura no artigo 13 da lei 14/2007, que dispón a obriga de que con periodicidade anual se elabore unha memoria de actividades da que se dará conta ao Parlamento de Galicia para os efectos de control por parte deste organismo. De igual xeito, o artigo 37 do Decreto 165/2014 polo que se aproban os Estatutos do Instituto, establece a elaboración dun informe xeral anual de actuacións e xestión en que se reflicta con claridade as actuacións desenvolvidas no exercicio precedente. 

Tal e como se establece na súa normativa reguladora, foi o máximo órgano colexiado de goberno do Issga, na súa reunión do 17 de decembro de 2014, o que aprobou o Plan de actividades para o 2015, que recolle as principais liñas de actuación e programas máis destacables que tiña que desenvolver o organismo nese período. Debe poñerse en valor que nesa Comisión de Goberno, ademais da autoridade laboral, sanitaria e mineira da Xunta de Galicia teñen presenza cualificada os axentes sociais, en concreto as organizacións sindicais (UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CIG) e maila organización empresarial (CEG). Todas elas aportaron as súas achegas ao plan que tiña que executar o Issga. É polo que esta memoria recolle un traballo de todos os implicados no eido da seguridade e a saúde laboral en Galicia. 

Todo o anterior e os traballos futuros deben enmarcarse no mandato legal que encarga ao Issga a xestión e a coordinación que nas distintas disciplinas preventivas (seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada e medicina do traballo) estableza a Xunta de Galicia para a mellora das condicións laborais co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo.

Esta informe, ademais de para o cumprimento do disposto nos artigos mencionados, evidencia a total transparencia nos obxectivos, nas actuacións e nos resultados acadados, a transversalidade das funcións atribuídas ao Issga polo seu labor de coordinación con outras unidades administrativas e a participación dos axentes sociais enmarcada no consenso recollido na Estratexia de prevención de riscos laborais 2011-2014, froito do Diálogo Social en Galicia. 

Preténdese tamén con este resumo de actividades no eido da seguridade e a saúde no traballo servir de promoción e de impulso para reforzar o compromiso de todos os actores implicados nas relacións laborais e para o fortalecemento do Issga como órgano técnico na materia que co seu traballo asente a planificación e xestión preventiva dos riscos como alternativa á sinistralidade (accidentes de traballo e enfermidades profesionais) e a mellora continúa das condicións de traballo para acadar un traballo máis seguro e de máis calidade na sociedade galega.