Os acontecemento políticos, económicos e sociais imprimen o ritmo co que vivimos e traballamos. Inclúen determinantes estruturais como, por exemplo, a globalización, a innovación tecnolóxica, a diversidade demográfica ou o cambio climático, que afectan directamente aos patróns de emprego, vertebran as condicións de traballo nas empresas e, en último termo, inflúen na seguridade, na saúde e no benestar laboral. Precisamente, un fito conxuntural coma a pandemia da Covid-19, impuxo unha nova velocidade a estes cambios, transformando a nosa forma de vivir, de relacionarnos e de traballar.
Baixo esta premisa, esta nova guía examina os elementos centrais que configuran os cambios no novo mundo do traballo. Céntrase nas vías de intersección a través das cales o traballo funciona como un determinante crítico da saúde, dentro do modelo de demandas e recursos laborais. Ademais, inclúe orientacións xerais sobre boas prácticas organizacionais, algunhas consideracións sobre o futuro do traballo e un conxunto de recomendacións para o tecido empresarial coa finalidade de crear contornas laborais seguras e resilientes.