Fichas de investigación de enfermidades profesionais no sector agrario

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) é o órgano técnico encargado da xestión e coordinación das políticas de prevención de riscos laborais en Galicia e desenvolve as súas funcións de acordo coa Lei 14/2007, do 30 de outubro, que o crea e regula.

Entre as súas funcións está a de analizar, investigar e avaliar as causas e os factores determinantes dos riscos laborais, dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais establecendo un carácter sectorial e territorial; abordar o seu estudo preventivo e propor, de ser o caso, medidas correctoras.

O Plan estratéxico de prevención de riscos laborais 2011-2014, no seu sexto obxectivo, destaca a importancia que ten a tarefa de investigación das enfermidades profesionais, pero ademais define como liña de actuación a posterior análise desa información e detalla que se deben difundir os resultados e as conclusións destes informes.

En cumprimento das directrices de traballo definidas por este plan estratéxico, faise necesario desenvolver ferramentas divulgativas e de fácil interpretación, polo que o Issga presenta en forma de colección as Fichas de investigación de enfermidades profesionais.

Seleccionáronse aquelas enfermidades profesionais máis representativas pola súa frecuencia e, a partir da investigación que realizaron os técnicos do Issga, sintetizouse a información máis relevante en catro epígrafes: a descrición da actividade, da enfermidade profesional, das súas causas e das accións correctoras e medidas preventivas que se deben adoptar. Os textos orixinais foron adaptados co obxecto de cumprir a súa finalidade didáctica.

As fichas están numeradas segundo se van publicando e clasifícanse polo código da enfermidade profesional que recolle o Real decreto 1299/2006, polo que se aproba o cadro de enfermidades profesionais na Seguridade Social. O Issga irá actualizando e incluíndo no futuro novas fichas.

O obxecto é informar sobre as medidas preventivas que evitarían as enfermidades profesionais e que se poden aplicar en postos de traballo similares.

 Fichas de investigación de enfermidades profesionais no sector agrario