Fichas de investigación de accidentes no sector agrario

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) é o órgano técnico encargado da xestión e coordinación das políticas de prevención de riscos laborais en Galicia e desenvolve as súas funcións de acordo coa Lei 14/2007, do 30 de outubro, que o crea e regula.

Entre as súas funcións está a de analizar, investigar e avaliar as causas e factores determinantes dos riscos laborais, dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais, establecendo un carácter sectorial e territorial, abordar o seu estudo preventivo e propor, de ser o caso, medidas correctoras.

O Plan estratéxico de prevención de riscos laborais 2011-2014 no seu sexto obxectivo destaca a importancia que ten a tarefa de investigación dos accidentes laborais, pero ademais define como liña de actuación a posterior análise desa información e detalla que se deben difundir os resultados e as conclusións destes informes.

En cumprimento das directrices de traballo definidas por este plan estratéxico, faise necesario desenvolver ferramentas divulgativas e de fácil interpretación, polo que o Issga incluíu no seu Plan anual de actividades as Fichas de investigación de accidentes de traballo, en forma de coleccionable e baseadas en sucesos reais.

Seleccionáronse aqueles 19 accidentes laborais máis representativos pola súa frecuencia ou gravidade e, a partir da investigación que realizaron os técnicos do Issga, sintetizouse a información máis relevante en catro epígrafes:

  • A descrición da actividade
  • A descrición do accidente de traballo
  • As súas causas
  • As medidas preventivas que se deberon adoptar

Os textos orixinais foron adaptados co obxecto de cumprir coa súa finalidade didáctica.

As fichas están numeradas segundo se van publicando e clasifícanse polo código de risco. O Issga irá actualizando e incluíndo no futuro novas.

O obxecto é sensibilizar os traballadores e empresarios, dar a coñecer situacións reais e divulgar as medidas preventivas que evitarían os accidentes e que se poden aplicar en postos de traballo similares.

Fichas de investigación de accidentes no sector agrario