Avaliación dos Plans de Loita

Actuouse sobre unha serie de empresas que cumprían os requisitos de ter máis de 3 accidentes ao ano e superar en máis do 50% os índices de sinestralidade dos seus sectores de referencia. A avaliación fíxose tendo en conta que é unha das actividades que ocupa unha importante carga de traballo técnico, de cara a comprobar a súa efectividade e rendibilidade. Para isto era necesario ter un horizonte temporal suficiente, que permita analizar tendencias e a evolución da sinestralidade das empresas incluídas, máis que os resultados puntuais e inmediatos, polo que un horizonte temporal de 3 anos parecía suficiente. Abórdase nesta avaliación o comportamento destas 835 empresas analizadas, tanto en canto aos índices de sinestralidade, coma ao emprego, comparándoas cos seus sectores de referencia e co total de Galicia, estudando a súa representatividade en cada momento. As conclusións constatan o positivas que son este tipo de actuacións de cara a reducir a sinestralidade.

Este estudo foi presentado polo ISSGA no 10º Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais (ORP 2012) que se celebrou os días 23, 24 e 25 de Maio de 2012 en Bilbao, organizado polo Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laboral (OSALAN).