Análise da sinistralidade en sectores feminizados - 2011

 

Tradicionalmente asúmese que a segregación profesional ocupou ás mulleres nos postos de traballo menos arriscados, e que os homes desenvolvían as profesións máis perigosas. Aínda que os índices de incidencia e gravidade dos accidentes declarados parecen apoiar esta hipótese, determinadas circunstancias provocan sesgos que teñen o seu reflexo nos devanditos índices: por unha parte, algúns sectores que se caracterizan pola súa elevada sinistralidade e gravidade están fortemente masculinizados, como a construción, a pesca ou a minaría; por outra, os riscos psicosociais que caracterizan a algunhas das ocupacións máis feminizadas, como educación, sanidade ou servizos, non teñen unha manifestación tan inmediata en forma de accidente laboral, polo menos na forma en que se rexistran e comunican estes. Hai que ter en conta, ademais, que amplos sectores de poboación activa, como autónomos non cotizantes ou empregadas do fogar, ate hai pouco non constaban nas estatísticas de sinistralidade laboral, como tampouco o traballo non remunerado de mulleres no ámbito de explotacións ou empresas familiares, ou como coidadoras de anciáns ou nenos no seo da unidade familiar.

A definición de saúde da OMS, como estado de benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades, é dificilmente compatible con realidades como a dobre xornada, a menor remuneración a igualdade de posto ou a falta de proxección na carreira profesional que se manifesta na infrarrepresentación en postos directivos.

En todo caso, este estudo non pretende abordar unha análise da saúde laboral, senón só da parte correspondente ás características dos accidentes laborais e as súas diferenzas segundo o sexo.

Análise da sinistralidade en sectores feminizados - 2011