mércores, Marzo 16, 2022

A Xunta destaca en Previsel a importancia de facer fronte aos riscos laborais emerxentes e presenta dúas iniciativas sobre o uso de nanomateriais e amoladoras

A Xunta destaca en Previsel a importancia de facer fronte aos riscos laborais emerxentes e presenta dúas iniciativas sobre o uso de nanomateriais e amoladoras
  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe en Ourense na inauguración do 15º Salón de Prevención e Seguridade Laboral de Galicia, un escaparate especializado para aunar coñecementos e esforzos no eido da prevención
  • Mancha destacou que as empresas que apostan polo benestar organizacional, con medidas encamiñadas á conciliación e á protección da saúde, son máis produtivas, máis creativas e innovadoras

Ourense, 16 de marzo de 2022. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe na inauguración de Previsel, en Ourense, a importancia de facer fronte aos riscos laborais emerxentes derivados dos cambios e desafíos que trouxo consigo a pandemia e, así, indicou que iniciativas como o 15º Salón de Prevención e Seguridade Laboral de Galicia, que se celebra cada ano na cidade ourensá, permiten seguir conectando coa realidade das empresas e deseñar actuacións centradas nos novos retos vinculados á prevención e á vixilancia da saúde. Sinalou que Previsel configúrase como un esparate especializado, onde se dan cita os expertos do sector co obxectivo de aunar coñecementos e esforzos en materia de seguridade e saúde laboral para seguir incidindo na importancia da prevención de riscos . “A prevención constitúe o mellor antídoto posible contra o estrés, a fatiga psicolóxica, a saúde mental e a física”, engadiu.

En palabras da directora xeral, quen estivo acompañada no acto pola xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, as empresas non só deben apostar pola prevención de riscos, senón tamén asumir compromisos tendentes á procura do benestar das persoas traballadoras con medidas encamiñadas á protección da saúde, á promoción da solidariedade interna, á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, á inserción de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e á conciliación da vida familiar e persoal. Empresas comprometidas co benestar organizacional son compañías nas que, tal e como destacou Mancha, xérase un clima de confianza e mellora a motivación e, polo tanto, o rendemento e a calidade do traballo. Tamén indicou que favorece a creatividade e a innovación, o que fortalecerá a reputación empresarial.

Con respecto aos riscos laborais emerxentes, sinalou que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) está a facer diversas campañas vinculadas ás novas formas de traballar que están xurdindo e aos novos retos da vixilancia da súade.


En Previsel, o ISSGA presentou a campaña Non te amoles, de prevención de riscos nas amoladoras e desenvolveu unha xornada sobre os efectos asociados á exposición de nanomateriais.

Amoladoras

Dunha banda, o Instituto, a través da iniciativa Non te amoles, difundirá entre as empresas e persoal traballador documentación técnica sobre a prevención de riscos no uso de amoladoras na industria, especialmente nos sectores do metal e na construción. En concreto, incídise na seguridade no uso destas máquinas eléctricas portátiles que se utilizan como ferramentas de corte, esmerilado, lixado, cepillado ou pulido en actividades de carpintería metálica, reparación de vehículos a motor e remolques e de maquinaria e equipos, abricación e colocación de elementos metálicos, acadado e coloación de pedra ou en construción naval.

A documentación inclúe os riscos máis habituais e as causas dos accidentes, medidas de precaución e aborda accións de sensibilización que se difundirán a través da páxina web do ISSGA, co envío a entidades do sector e centros de formación profesional e a través das redes sociais. A distribución do material conta coa colaboración da Fundación Laboral da Construción, asociacións de empresarios da construción, Asime, talleres de reparación de vehículos, asociacións de autónomos e as principais empresas destes sectores.

Nanomateriais

Con respecto á xornada Nanomateriais: un avance tencolóxico cheo de oportunidades e riscos, expertos en hixiene industrial abordan este risco, cada vez máis emerxente, dando pautas para a súa identificación nos postos de traballo que utilizan materiais que conteñen este tipo de partículas para evitar danos para a saúde das persoas traballadoras. Debido ao seu tamaño, os nanomateriais poden ter propiedades diferentes. Utilízanse sobre todo na construción, medicina, enerxía, automóbil, electrónica, cosmética e téxtil.

A Comisión Europea establece que a nanotecnoloxía é unha tecnoloxía instrumental clave que proporciona a base para continuar innovando e crear novos produtos. O desenvolvemento do concepto seguridade desde a concepción dos nanomateriais está a ser investigado polos científicos co obxectivo de proporcionar ás empresas unha xestión de riscos desde as primeiras fases de desenvolvemento do proceso ou do produto. O ISSGA, deste xeito, traballa en determinar os efectos asociados á exposición a nanomateriais e as medidas de control.

Ligazóns de interese

Campaña "Prevención de riscos nas amoladoreas. Non te amoles"