Novas

Xoves, Febreiro 23, 2023

Presentación da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027

  • A saúde mental figura por primeira vez entre as prioridades da Estratexia
  • Poñerase en marcha unha Axenda Nacional para a Prevención do Cancro de Orixe Profesional
  • Impúlsase a perspectiva de xénero para atender de forma máis certeira á saúde e a prevención de riscos laborais
  • Mellorarase a protección de colectivos vulnerables que conten con maiores taxas de sinistralidade
  • Abrirase unha nova mesa de diálogo social para actualizar o marco normativo da PRL, entre outros

Madrid, 23/02/2023. A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz Pérez, presentou o acordo alcanzado con Diálogo Social para a Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027, un consenso que contou coa participación dos principais interlocutores sociais e representantes das Comunidades Autónomas, na que Galicia, xunto con Cantabria, encargáronse de ser portavoces e coordinadoras do resto das Comunidades Autónomas.

Co obxectivo de conseguir a maior eficacia posible na mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo e tentar anticiparse e xestionar as posibles ameazas e riscos para a saúde das persoas traballadoras que emerxen co cambiante mundo laboral, a Estratexia foi elaborada ao redor de seis obxectivos estratéxicos:

  • Mellorar a prevención de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.
  • Xestionar os cambios derivados das novas formas de organización do traballo, a evolución demográfica e o cambio climático.
  • Mellorar a xestión da seguridade e a saúde nas pemes, unha aposta pola integración e a formación en prevención de riscos laborais.
  • Reforzar a protección das persoas traballadoras en situación de maior vulnerabilidade.
  • Introducir a perspectiva de xénero no ámbito da seguridade e saúde no traballo.
  • Fortalecer o sistema nacional de seguridade e saúde no traballo para afrontar con éxito futuras crise.