martes, Setembro 27, 2022

O ISSGA participa no I Simposio Nacional de Radon Laboral

O obxectivo principal do simposio organizado pola USC foi revisar a situación actual da exposición ao radon en centros de traballo e discutir sobre os logros recentes na mellora da protección radiolóxica dos humanos contra o gas radon.

Adela Quinzá-Torroja García, xerente do ISSGA, participou na sesión de apertura deste acto que se estruturou e dúas sesións; na primeira delas, persoal experto profundizou no marco regulador e en como identificar e actuar ante a exposición a ese gas. As medicións no eido laboral e a importancia da acreditación, o rol que xoga a inspección de traballo, o papel das administracións dende o punto de vista sindical, así como unha abordaxe do que sucede co caso portugués completan os contidos desta primeira sesión.

Na segunda parte do simposio analizáronse exemplos de boas prácticas en diferentes contornas empresariais e contou coa intervención de Lucía Ferrón Vidán, xefa da Sección de Hixiene Industrial e Técnicas Analíticas do ISSGA, que explicou a experiencia do instituto.

O ISSGA, como órgano técnico en materia de seguridade  e saúde laboral da Administración galega, debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, concentrando e participando en eventos e actividades formativas e informativas, non só propias, senón tamén en colaboración con outras entidades e órganos técnicos especializados, de maneira que  se convertan  en focos de transmisión de saber preventivo.