Novas

Luns, Decembro 04, 2023

O ISSGA imparte formación sobre prevención de riscos laborais en traballos en altura

O ISSGA imparte formación sobre prevención de riscos laborais en traballos en altura
  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) organiza dúas edicións de 16 horas repartidas en tres xornadas para o alumnado de formación profesional
  • A Xunta promove deste xeito o coñecemento das futuras traballadoras e traballadores sobre a prevención de riscos en traballos en altura cun temario no que destacan os contidos prácticos

Redondela (Pontevedra), 4 de decembro de 2023. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, reforza a súa oferta formativa en prevención de riscos laborais coa impartición dun curso sobre técnicas e sistemas aplicables a traballos en altura para o alumnado de formación profesional.

O alumnado en formación, pertencente ao centro de Formación Profesional da Xunqueira (Pontevedra), está a recibir esta formación en dúas edicións que rematan hoxe. Este curso ten por obxectivo mellorar o coñecemento do alumnado de formación profesional sobre a prevención de riscos nos traballos en altura, con contidos enfocados nos equipos de protección Individual (EPI), o uso e instalación de sistemas anticaídas e sistemas de suxeición e posicionamento, entre máis carga formativa onde adquire un maior protagonismo a parte práctica.

Con esta oferta, dáse resposta a unha realidade que demanda máis seguridade e reforzo da prevención nunha actividade de alto risco como é a do traballo en altura. A Xunta entende así a relación entre traballo e seguridade como algo esencial no desenvolvemento de calquera actividade, incorporando a temática da seguridade laboral como eido transversal na formación das futuras traballadoras e traballadores.