Novas

Venres, Xaneiro 06, 2023

O ISSGA formou en 2022 máis de 4.300 persoas para desenvolveren un traballo máis seguro e previr riscos

  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (issga) celebrou xornadas técnicas sobre novas modalidades como o teletraballo, o uso do teléfono móbil no eido laboral ou a realidade virtual, con especial incidencia na saúde mental
  • Máis de 600 persoas tomaron parte nos cursos presenciais para persoal traballador e pemes acerca do uso da motoserra e rozadoira, no sector dos coidados, salóns de peiteado, traballos en altura ou enfermidades da voz, entre outros
  • As cinco actividades formativas básicas de prevención de riscos laborais espertaron o interese de case 1.000 persoas
  • O Issga contará en 2023 cun investimento de 1,5M€ para seguir a incidir na inclusión da prevención nas organizacións e traballar cos sectores con maior sinistralidade

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2023. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) formou en 2022 un total de 4.384 persoas a través da súa oferta de xornadas técnicas presenciais e en liña; de cursos para un traballo seguro dirixidos a persoal traballador, pemes e alumnado de formación profesional; e formación básica para capacitar ao empresariado para xestionar a prevención de riscos.

“Mellorar o nivel de coñecemento técnico constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura de prevención”, especifican desde o Issga. De feito a formación é un dos eixos principais do plan anual de actuacións que desenvolve este instituto que programa actividades que, se ben se adecúan á perspectiva técnica da prevención e a saúde laboral, tamén queren atender as demandas e necesidades do tecido empresarial.

O Issga potenciou así en 2022 a formación práctica dirixida a diferentes perfís de persoas traballadoras e actividades, atendendo a áreas con maior risco ou sinistralidade e insistindo na integración da prevención de riscos no traballo diario.

A través de xornadas técnicas, que se imparten en modalidade presencial e telemática, o instituto deu resposta ás novidades técnicas e normativas, aos avances e innovación nos procedementos de traballo e maquinaria e a sectores produtivos con riscos específicos. Un total de 2.029 persoas participaron nestas propostas que puxeron o foco, entre outras materias, na xestión do risco durante o embarazo e a lactación, no teletraballo, no eido psicosocial e da saúde mental ou no uso do smartphone ou a realidade virtual no traballo.

A segunda modalidade, a das actuacións de formación para un traballo seguro celebradas de xeito presencial, contou coa participación en 2022 de 1.356 persoas. Son destinatarias destas accións actividades con especial sinistralidade, con escasa estrutura preventiva ou afectadas por riscos tradicionais ou emerxentes e mesmo integradas por colectivos que requiren dunha especial tutela para mellorar as súas condicións laborais. Este conxunto de formacións dirixíronse principalmente a pemes, micropemes e traballo autónomo, pero tamén a alumnos de formación profesional, con especial presenza nos sectores forestal, a construción e outros altamente feminizados. Entre as materias abordadas, destacaron a prevención das enfermidades da voz, do risco químico, na atención a domicilio ou para o manexo do tractor, a motoserra ou rozadoira.

Nun terceiro conxunto de actividades enmárcanse os cursos básicos de 60 horas en prevención de riscos, nos que tomaron parte 999 persoas e que habilitan ás persoas participantes para o exercicio das funcións de xestión nese nivel. Por quinto ano consecutivo contaron cunha modalidade específica para o emprego autónomo. Nestes caso, priorízase no acceso á oferta en liña ás delegadas e delegados de prevención e persoal traballador designado así como ao empresariado que asume a prevención de xeito directo no seo das súas organizacións.

Actividade 2023

O Issga contará en 2023 con 1,5 millóns de euros do orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e promoverá, entre outras actuacións, campañas de sensibilización para a redución da sinistralidade laboral e programas de mellora da xestión preventiva así como outros específicos por sectores, dando prioridade ás actividades que teñen a consideración de alto risco, así como ás áreas feminizadas e á promoción da seguridade e a saúde no emprego autónomo.

A Xunta seguirá a impulsar lugares de traballo seguros e saudable e a potenciar a cultura da saúde e do benestar laboral, facilitando a súa integración nas pemes e tratando aspectos de saúde mental no ámbito do traballo, entre outros.

Seguirase, ademais, a prestar asesoramento técnico ao tecido empresarial galego e aos interlocutores sociais (en seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada, e medicina do traballo) garantindo a inclusión da perspectiva de xénero e á xestión de novos riscos e a investigar accidentes e enfermidades profesionais para coñecer as súas causas e facer unha adecuada prevención.