Novas

Martes, Xaneiro 30, 2024

O DOG convoca axudas por máis de 1,6 M€ para impulsar formación en prevención de riscos laborais

  • Asociacións empresariais, organizacións sindicais, fundacións sectoriais e colectivos de autónomos poden solicitar desde hoxe e ata o 1 de marzo os apoios para organizar cursos de divulgación da actividade preventiva
  • Priorizarase, entre outros, o apoio ás accións formativas dirixidas á poboación traballadora de máis de 55 anos, á prevención nas novas formas de traballo e en sectores feminizados
  • Publícanse tamén as axudas que, cun investimento de 600.000 euros, queren contribuír a mellorar a preparación de persoal de sindicatos e entidades empresariais en materia de diálogo social e negociación colectiva

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

A Xunta abre hoxe o prazo de solicitude dunha nova edición do programa de axudas para a prevención de riscos laborais en asociacións empresariais, organizacións sindicais, fundacións sectoriais e colectivos de autónomos. O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria na que a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade investirá máis de 1,6 millóns de euros.

Con esta actuación, a Xunta apoia accións de formación, sensibilización e asesoramento neste eido. As axudas poden solicitarse desde hoxe e ata o próximo 1 de marzo.  

O programa está dirixido ás organizacións empresariais e sindicais galegas, sectoriais e intersectoriais, así como ás fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral e ás asociacións de autónomos.

A iniciativa contén dúas liñas de axudas: a primeira, dotada con 1 millón de euros, está destinada a financiar cursos e xornadas formativas de carácter intersectorial e a apoiar os gabinetes técnicos de prevención de riscos laborais; e o segundo programa, cun orzamento de 655.000 euros, promoverá cursos e xornadas sobre sectores específicos.

A Xunta outorgará na resolución da convocatoria unha maior puntuación ás entidades atendendo a criterios de paridade nos seus cadros de persoal ou de estabilidade no emprego. Priorizarase a formación en poboación traballadora de máis de 55 anos e, como novidade este ano,  a cualificación en prevención de riscos nas novas formas de organización do traballo e en sectores laborais feminizados.

Doutra banda, a Administración autonómica convoca un ano máis as axudas dirixidas a financiar plans de formación para o desenvolvemento de funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva. Promoción do Emprego e Igualdade destinará case 600.000 euros a apoiar a entidades sindicais e empresariais na celebración de accións formativas sobre plans de igualdade, fenda salarial, conciliación, prevención do acoso, protección de datos, responsabilidade social empresarial ou linguaxe non sexista, entre outras materias.

Grazas a esta colaboración, os beneficiarios poderán obter financiación para celebrar ademais encontros internacionais que conten con expertos doutras nacionalidades para ter un intercambio de información sobre o diálogo social e a negociación colectiva en distintos países. Tamén para paneis, foros e obradoiros de expertos sobre boas prácticas nesta materia nos distintos sectores.

Estas axudas poden solicitarse desde mañá ata o próximo 1 de marzo.