Novas

Luns, Abril 01, 2024

Impartimos formación sobre PRL ao alumnado do Obradoiro de Emprego Terras do Sor VII no Vicedo

Imaxe impartindo formación

O Vicedo (Lugo), 1 de abril de 2024.  A xornada tivo un contido teórico e práctico e dirixiuse ao alumnado do Obradoiro de Emprego “Terras do Sor VII" de Ourol, Vicedo e Muras.

As relatoras da xornada foron as técnicas do centro Issga_Lugo, Laura Neira Fernández e María García Díaz. A actividade formativa dirixiuse ao alumnado da especialidade de carpintería e atención sociosanitaria e impartiuse formación sobre prevención do risco psicosocial e biolóxicos así como de primeiros auxilios.

O ISSGA no seu Plan de actuación 2024 recolle no seu eixe 5 “Promoción da prevención, mellora da xestión e redución da sinistralidade” unha ficha co programa de sensibilización e información en PRL nos obradoiros de emprego.

Os obradoiros duais de emprego son ferramentas para a creación de emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que van dirixidos ás persoas traballadoras desempregadas participantes co fin de que reciban cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.

A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia preventiva consolidada e integrada no traballo, de gran importancia para evitar que se produzan enfermidades e accidentes derivados do traballo.

Co desenvolvemento destas actividades melloramos a información, a sensibilización e a formación en prevención introducindo a aprendizaxe do traballo seguro, consubstancial á dos contidos teóricos e prácticos da respectiva rama profesional. Se un alumno aprende a traballar seguro incorporará este coñecemento no seu futuro profesional.

O obxectivo é integrar a PRL na etapa formativa e concretala nos riscos e medidas preventivas da actividade na que se están formando.