xoves, Novembro 17, 2022

Hoxe remata un curso de exposición laboral a sílice cristalina respirable

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022. Durante os días 16 e 17 de novembro impartiuse na sede da EGAP (Santiago de Compostela) un curso de formación interna cunha duración de 12 horas lectivas, dirixido a unha vintena de técnicos do Issga e outro persoal da Administración Xeral da Xunta de Galicia, que leva por título “Exposición laboral a sílice cristalina respirable”, que forma parte da programación formativa da EGAP e foi impartido por técnicos do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e do Instituto Nacional de Silicose co fin de afondar neste contaminante e proporcionar coñecementos adaptados á normativa e mellores técnicas dispoñibles na actualidade.

A silicose, a enfermidade laboral máis antiga coñecida en todo o mundo, está provocada pola inhalación de po fino que contén sílice cristalina. A exposición a sílice cristalina pode producirse en numerosas actividades xa que esta é un compoñente esencial diferentes materiais moi utilizados na industria; a enfermidade prodúcese pola inhalación de forma continuada deste po fino que contén sílice cristalina respirable.

A evidencia científica demostrou ademais que a exposición a sílice cristalina respirable está relacionada cunha maior probabilidade de contraer cáncer de pulmón e por iso no ano 2018 os traballos con exposición este contaminante foron incluídos no cadro de enfermidades profesionais como posible causa de de cáncer de pulmón, e no ano 2020 foron recollidos no Real decreto 665/1997 relativo á protección dos traballadores fronte aos axentes canceríxenos co seu correspondente valor límite de exposición.

En Galicia temos unha importante industria da lousa e do granito, sectores nos que é necesario o control da exposición a este contaminante así como no sector dos áridos e nos talleres de pedra natural. O Isgga ven desenvolvendo dende o momento da súa creación diferentes actuacións dirixidas á mellora das condicións de traballo nas empresas con exposición a sílice cristalina respirable, que se foron plasmando todos os anos no seu plan de actuación mediante estudos epidemiolóxicos médico-técnicos, publicacións dirixidas ao sector, grupos de traballo específicos, desenvolvemento de programas de asesoramento e control e xornadas técnicas entre outros, tendo sempre como obxectivo final a erradicación da silicose na nosa comunidade autónoma.

A aplicación da normativa sobre axentes canceríxenos é un novo reto para as empresas que deben aplicar as mellores técnicas e medidas preventivas dispoñibles para evitar e, cando non sexa posible, baixar o nivel de exposición tanto como sexa posible e sempre por debaixo do valor límite imposto pola lexislación.

As administracións á súa vez debemos proporcionar ás empresas dos sectores afectados o asesoramento adecuado comezando por unha correcta avaliación do risco que será fundamental para tomar as decisións correctas sobre as medidas de prevención e protección a aplicar. A avaliación da exposición a sílice cristalina respirable require realizar medicións que deben ser levadas a cabo seguindo unha metodoloxía e estratexia adecuada e fiable, levada a cabo por especialistas en Hixiene Industrial.

Este curso vai permitir ao persoal técnico asistente profundar no coñecemento deste contaminante, tanto nos danos para a saúde que pode provocar, como na identificación e avaliación segundo a norma UNE-EN 689:2019+AC:2019 que formula un novo procedemento para a avaliación da exposición por exposición inhalación dos axentes químicos, e nas medidas preventivas para o control do po respirable, farase ademais unha especial mención á problemática específica do traballo con materiais formados por aglomerados de cuarzo, amplamente utilizados en diferentes usos e cun alto contido neste contaminante.