Novas

Sábado, Novembro 14, 2009

En Galicia rexistráronse no mes de setembro 109 notificaciones de enfermidades profesionais

No mes de setembro deste ano, producíronse en Galicia 109 comunicacións de enfermidades profesionais a través do sistema CEPROSS da Seguridade Social. Do total de patoloxías que foron notificadas, 84 foron con baixa, afectando a 45 homes e a 39 mulleres, mentres que as restantes 25 (14 homes e 11 mulleres) non requiriron baixa laboral.

Facendo unha clasificación por sectores de actividade, os que rexistraron o maior número de enfermos con baixa o pasado mes de setembro foron a industria e a construción, con 48 e 13, respectivamente. Estas doenzas corresponden, na meirande parte, ao grupo II de enfermidades profesionais, as ocasionadas por axentes físicos (enmárcanse neste apartado as doenzas provocadas por posturas forzadas e movementos repetitivos no traballo e outras como a hipoacusia ou xordeira producida polo ruído, así como a aparición de nódulos nas cordas vocais).

Pontevedra foi a provincia na que se notificaron en setembro máis partes de enfermidades profesionais con e sen baixa, un total de 48, das que 21 corresponden á industria, 19 ao sector servizos, 7 á construción e 1 á pesca. En segundo lugar situouse A Coruña, onde se rexistraron 41, das que 22 foron ao sector servizos, 12 á industria, 6 á construción e 1 á agricultura.

Polo demais, en Lugo producíronse 4 declaracións de patoloxías laborais, todas elas no sector servizos, mentres que na provincia de Ourense notificáronse 16 partes de enfermidades, unha delas nos servizos e as 15 restantes na industria.

Datos acumulados

De xaneiro a setembro de 2009, contabilizáronse 926 partes de patoloxías laborais. Facendo a distribución por sexo e situación, houbo 347 homes e 318 mulleres con baixa e 164 homes e 97 mulleres sen baixa.

No acumulado do ano, os sectores da industria e os servizos foron os que rexistraron o maior número de casos de enfermidades profesionais, con baixa e sen ela. Do total de partes de patoloxías con baixa, o Grupo II (axentes físicos) supuxo máis do 75% dos casos.

Os partes de enfermidade con baixa foron moi parellos en número entre homes e mulleres, non así nos sen baixa. Facendo a consideración por sectores, é nos servizos onde se produce a maior sinistralidade para as mulleres, mentres que para os homes é o da industria, en termos absolutos. Para valorar estes datos no contexto, hai que ter en conta o número de traballadores e traballadoras nos correspondentes sectores de actividade, obtendo así a incidencia das enfermidades nos mesmos. A maior incidencia das enfermidades profesionais aconteceu na industria, tendo especial significación nas mulleres nos casos con baixa, e nos homes os partes sen baixa.