- Esta campaña pon o foco nos establecementos de augas minerais e termais para minimizar os riscos laborais
- Elaborouse un documento técnico, coa colaboración do sector, que é moi gráfico, visual e atractivo para facilitar a súa compresión, e está enfocado tanto ao persoal traballador como á propia empresa
A campaña autonómica Cóidate de prevención de riscos laborais en augas minerais e termais arrancou hoxe no balneario de Laias coa entrega dunha nova publicación, renovada e actualizada, na que se achega información sobre os riscos laborais aos que están expostos os traballadores e as medidas preventivas a adoptar para tentar de minimizalos.
Trátase dun folleto moi gráfico, visual e atractivo para facilitar a súa compresión, e enfocado tanto ao persoal traballador como á propia empresa.
No documento abórdanse as actividades laborais tanto en augas termais como en augas minerais, analizando en primeiro lugar os riscos específicos e medidas preventivas en cada un destes ámbitos e a continuación aqueles que son comúns para ambos.
Entre os aspectos que recolle destaca información sobre as condicións ambientais, os trastornos musculoesqueléticos, o uso de equipos de protección individual, e un eido importante: a perspectiva de xénero e primeiros auxilios.
Destaca a importancia da colaboración dos diferentes sectores para elaborar este tipo de documentación técnica, apelando ao traballo conxunto e constante para avanzar na mellora da prevención de riscos laborais. É clave actualizar as campañas de prevención para adaptalas ás novas formas de traballo.
A prevención de riscos laborais e da promoción da saúde neste sector é fundamental porque unha boa xestión neste eido nos establecementos repercute e redunda non só no benestar dos traballadores, senón tamén das persoas usuarias.